Amosando publicacións coa etiqueta curso 2018-19. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta curso 2018-19. Amosar todas as publicacións

luns, 17 de xuño de 2019

FROITA NA ESCOLA II


Un ano máis no noso centro apostamos por traballar hábitos de vida saudable en torno á nutrición humana aprendendo sobre a dieta, as propiedades dos alimentos e a súa correcta combinación en función das características persoais e, como non, introducindo no noso día a día a froita, alimento san e fundamental para manternos saudables. Aquí deixamos as fotos   das xornadas de froita que tivemos ao longo do mes de xuño no cole.

domingo, 16 de xuño de 2019

SEMANA DA CIENCIA


O martes, día 11 de xuño, os nenos e nenas de 4º convertémonos por un tempo en científicos,   experimentando con diferentes materiais e sorprendéndonos coas diversas reaccións que estes tiñan segundo as condicións que provocabamos ao seu redor. Entendemos a razón de que os barcos manteñan o seu equilibrio e non escoren, tamén por que se apagan algúns lumes e mesmo cara onde se move o fume...
A verdade é que nós xogabamos con vantaxe xa que durante este trimestre fixemos unha morea de experimentos que documentamos e expuxemos na aula para os compañeiros e a nosa profe. Que certo é iso de que... facendo aprendo!

venres, 7 de xuño de 2019

CHARLA DO SEPRONA


Estes días, na escola, tivemos unha visita dun axente do SEPRONA que veu falarnos do seu traballo e as súas inquedanzas profesionais respecto á nosa comarca. Amosounos unha chea de fotos sobre animais maltratados, tráfico de especies exóticas, vertidos en ríos, lumes… Non foi doado mirar algunhas delas… Ás veces é necesario que nos poñan diante dos nosos ollos as atrocidades das que somos capaces os seres humanos para que empecemos a tomar conciencia do dano que estamos a facer ao noso planeta, ese que xa nos está dando aviso de que non pode máis. Axudemos, entre todos, a que non teñamos que volver ensinar a ninguén o que hoxe vimos no cole. As accións individuais teñen moito máis peso do que cremos… Loitemos por un futuro limpo, verde e respirable.

luns, 13 de maio de 2019

VISITA DE ÁNXELA LOUREIRO


Ao longo deste trimestre os nenos e nenas de 3º e 4º limos un libro que nos divertiu e acercou moito ao mundo duns animais cuns costumes moi especiais: as ras. Gozamos moito con RaMona, RaFina e tamén con Milfaces, Napias... Pero o mellor foi cando a escritora desta historia, Ánxela Loureiro, visitou o noso cole para falarmos da incrible aventura que é converterse en escritora e imaxinar aventuras tan especiais como as que nos acompañaron ao longo desta marabillosa lectura...

venres, 3 de maio de 2019

CAMIÑANDO XUNTOS POLA IGUALDADE II


Unha vez máis estivo connosco na escola a nosa amiga Elsa para falar sobre igualdade. Fixemos un obradoiro sobre os estereotipos de xénero presentes na nosa sociedade e fomos quen de entender que as calidades humanas non teñen nome de home ou de muller, e que tanto uns coma outras temos dereito a pensar, sentir e identificarnos con todo aquelo que desexemos sen que ninguén marque a ruta dos nosos sentimentos ou ideas.

domingo, 14 de abril de 2019

RECICLANDO CO DINOSETO


O xoves, día 11 de abril, os nenos e nenas de 4º recibimos na escola a visita duns dos personaxes máis populares da nosa cidade: o Dinoseto e o seu fillo, o Dinosetiño. Entre cancións, xogos e bromas quixeron compartir connosco a necesidade de reducirmos o consumo esaxerado no que estamos inmersos para poder así axudar ao noso maltratado planeta, que está vivindo un momento de verdadeiro deterioro medioambiental. Temos que tomar conciencia de que só reducindo como primeiro paso, e logo reutilizando, poderemos talvez parar a espiral de destrución na que está inmersa o noso mundo. A reciclaxe, como paso final, tamén é importante, pero non é a solución ao problema. Polo tanto, a toda a comunidade escolar recordáronnos que temos que ser quen de frear o noso nivel de consumo de xeito importante e inmediato para reverter así este gravísimo problema ao que xa nos estamos enfrontando.

venres, 22 de marzo de 2019

UN PLANETARIO NA ESCOLA


O pasado venres, día 15 de marzo, os alumnos e alumnas da escola tivemos a oportunidade de explorar o universo nunha incrible nave espacial capitaneada por un experto en astronomía que nos descubriu moitos dos segredos que encerra o espazo. Desde a nosa nave fomos quen de admirar a grandiosidade dese mundo exterior e tamén de tomar conciencia do noso lugar neste infinito universo, así como da necesidade de coidar o marabilloso planeta que habitamos e do que gozamos.

luns, 11 de marzo de 2019

BON APPÈTIT!


Este luns, 11 de marzo, as nenas e nenos do colexio fomos ao teatro Afundación para desfrutar dunha obra moi apetecible titulada “Bon appètit”. Nela, tres cociñeiros franceses amosáronnos algúns dos segredos da cociña galega seguindo as receitas do marabilloso libro de Álvaro Cunqueiro. Entre risas, anécdotas e tamén un chisco de música pasamos unha mañá moi entretida e diferente.

mércores, 13 de febreiro de 2019

FROITA NA ESCOLA

Neste segundo trimestre tivemos a primeira quenda de "Froita na escola" dentro do plan Proxecta no que somos uns expertos. Foron dúas semanas nas que trocamos o noso bocadillo e algunha lambetada por unhas riquísimas e variadas froitas. Estas son as imaxes que nos deixaron estas xornadas cheiñas de plátanos, amorodos, tanxarinas e por vez primeira o Kiwi. Esta froita foi un éxito co que non contabamos.

 

venres, 18 de xaneiro de 2019

CAMIÑANDO XUNTOS POLA IGUALDADE


O xoves, día 17 de xaneiro, os nenos e nenas de 4º recibimos a visita de Elsa, unha vella coñecida do cole que leva moitos anos falando connosco sobre igualdade. Esta vez fixemos un obradoiro sobre os estereotipos que todos imos adquirindo desde ben cativos por algo tan inocente como parece a publicidade. Analizamos cunha ollada máis crítica diferentes catálogos de xogos e xoguetes e fomos quen de descubrir como estes marcan roles moi claros segundo sexamos nenos ou nenas, o que fai que tendamos a inclinarnos por uns ou outros sen un criterio claro de preferencia persoal.
Que importante é acostumarnos a ollar a vida en termos de igualdade...



xoves, 29 de novembro de 2018

CONCERTO EN AFUNDACIÓN


O martes, día 27 de novembro, as nenas e nenos de 3º e 4º do cole fixemos unha saída ao Auditorio do Teatro Afundación para escoitar un concerto que nos fixo viaxar a través dos diferentes ritmos e melodías da música popular española. Estilos musicais chegados de lugares moi remotos, que se integraron na nosa terra grazas á influencia das diferentes culturas. Así, fomos quen de entender a importancia de recibir e escoitar aos que chegan doutros lugares e de gozar con instrumentos realmente insólitos creados a partir de materiais de desfeito.
Unha fermosa experiencia para todos nós!



luns, 19 de novembro de 2018

MAGOSTO






O luns 12 de novembro celebramos o Magosto despois de pospoñelo ata que parase de chover e ventar.
Pasámolo moi ben , xa que fixemos unha chea de xogos populares e despois de tanto exercicio comemos as castañas.
Estaban boísimas, pois as asadoras foron dúas boas profesionais que con moito agarimo repartiron para que disfrutasemos todos e todas, alumnado e profesorado.
Aquí tedes unha mostra do bo día e a boa compañía.

domingo, 4 de novembro de 2018

Educación viaria en 5º

O venres 26 de outubro os nenos e nenas de 5º reflexionamos nas aulas  sobre as boas prácticas que debemos adoptar como peóns (a chuvia non nos permitiu saír ás inmediacións do colexio para facer as prácticas), pero puidemos analizar e estudar o mellor xeito de cruzar as rúas, os riscos que temos que evitar e como desfrutar dos itinerarios e paseos polas rúas da nosa cidade.
O que sí que nos quedou claro é que segundo o último informe da DGT sobre sinistralidade viaria, no ano 2013 houbo o dobre de vítimas entre as persoas con idades comprendidas entre os 25 e 54 anos que no colectivo infantil.
Así que, por favor, familias: Os nenos sabemos comportarnos coma peóns moito mellor cós adultos. Os adultos,  debemos esforzarnos e dar exemplo e aplicar en nós mesmos o que queremos que os cativos practiquen nas rúas.




martes, 30 de outubro de 2018

VISITA AO CONCELLO DE VIGO

          O 30 de outubro os nen@s de quinto e sexto de Primaria, foron de visita ao Concello de Vigo. En dúas horas de percorrido, aprendemos como entre 1200 e 1300 funcionarios traballan nos diferentes departamentos. Na planta baixa, a chamada "lonxa", está a zona onde se poden resolver moitas das xestións cidadáns, de tráfego, pagamentos de lixo e contribucións...Tamén estiveron na Sala de Plenos onde  se reúnen os concelleiros xunto co noso alcalde "Abel Caballero", que aproveitou un ratiño para ir saudarnos. O alcalde é nomeado nas eleccións municipais polos vigueses maiores de 18 anos.
Despois baixamos ao soto onde se imparten cursos de danza  e canto popular e deixáronnos participar dunha peza que acompañamos coas palmas. Rematamos a visita vendo a sala onde se controla todo o tráfico da nosa cidade e os laboratorios de análise de auga.


 

luns, 29 de outubro de 2018

Visita ao teatro Afundación. "De los cuentos a las cuentas" 5º e 6º P.



        O luns 22 de outubro, asistimos ao Teatro Afundación para gozar da obra "De los cuentos a las cuentas" galardonada co Premio de Actualidade Económica e CECA. 

        María, a protagonista, faranos viaxar a moitos lugares, sen movernos da nosa butaca nin da súa habitación. Vivirá entre dous mundos, acompañada do seu pai, un home serio e práctico, e do seu tío, un viaxeiro aventureiro, loitador e soñador. Nesta viaxe entre dous mundos, María entenderá que as veces os contos e os soños se poden facer realidade, só e necesario ter valor e esforzarse por conseguilo. A obra foi moi amena e divertida.

Charlas sobre perigos de internet e acoso escolar

         O 19 e 26 de outubro, os alumn@s de quinto e sexto de primaria recibiron a visita de Mónica, unha policía nacional que nos impartiu dúas charlas sobre "Os perigos de Internet" e "Acoso escolar". Encádranse dentro do "Plan Director" do 2018 para a convivencia e mellora da seguridade dos centros educativos. Ao longo de hora e media faloulles dos perigos das redes sociais e todo o que conleva sendo menores de idade. Rematou as dúas exposicións deixando que os rapaces e rapazas plantexaran as súas dúbidas e que fosen capaces de identificar e denunciar situacións inapropiadas tanto na rede como na vida escolar. 

        Chegamos a unha conclusión común: temos que plantarlle cara as condutas agresivas nos colexios e non quedarnos calados ante os abusóns.