Amosando publicacións coa etiqueta obradoiro cociña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta obradoiro cociña. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de maio de 2025

Arroz con CHÍCHAROS!

Como ben sabedes, 3ºEP plantou chícharos na horta da escola. Resulta que ese traballo deu os seus froitos e decidimos facer unha pequena comida na clase para probalos.



Estabamos entre chícharos con xamón ou arroz 3 delicias. Ao final, fixemos este arroz con chícharos, pavo e queixo. Coas mans ben limpas e traballando en equipo conseguimos un arroz delicioso que papamos antes de marchar para casa!

Como cultivamos sen pesticidas e sen químicos obtivemos un resultado rico e saudable! 

Queriamos compartilo con vós, pero non deixamos nada! Unicamente temos como testigo este vídeo...






mércores, 7 de xuño de 2023

FACEMOS PAN TAMÉN EN 5

 Os nenos e nenas de 5 pasaron a mañá de onte megullados na tarefa de facer pan. Mesturaron e amasaron ata conseguir que a masa tivese a textura axeitada para poñela a levedar. Despois dun tempo de espera e cruzando os dedos para que o forno funcionase puideron envolver e levar a casa os bolos feitos por eles. Segundo contaron "as crónicas" os pans estaban moi moi bos. Sodes uns artistas!



xoves, 1 de xuño de 2023

FACEMOS PAN EN 3 E 4

 Metidos como estivemos neste curso coas mans na cociña, promovendo unha alimentación sá e caseira,  non quixemos rematar  sen probar a facer pan. Maruxa , a avoiña do conto, facía un pan moi rico. O pan é alimento tradicional na nosa Galicia e son moitos os cereais cos que se fai.  Os de 4, ademais  coa súa ollada posta na cultura exipcia, aprenderan que o pan era alimento fundamental daquela, ademais de servir de moeda. Así que todos xuntos,os pequenos de 3 e de 4 ,“metémonos en fariña” e ben cediño comezamos co choio.

Preparar os ingredientes (fariña de centeo, lévedo, sal e auga), amasar con moito agarimo, facer una bola estupenda, poñela en panos quentiños para ela levedar axeitadamente e fornear. Todos estes pasos demos con moita ilusión para poder comer pola tarde un bo anaco de pan na merenda. Nos fixémolo todo moi ben. O forno non quería axudar moito…había tanto tempo que non o poñíamos a funcionar!. Pero tras algún que outro problemiña, os nosos boliños saíron do forno con moito arrecendo e moi boa pinta. Ogallá que o seu sabor non decepcionase porque nós puxemos todo da nosa parte. E coma sempre imos por diante, a nosa experiencia vailles servir moito ós nosos amigos de 5 anos que dentro duns días tamén van facelo. Xa nos contaredes!



martes, 6 de decembro de 2022

...E NON HAI UNHA SEN DÚAS!

 Despois da nosa experiencia cociñeira coas cabazas e sobremesas de Samaín, chega o tempo de Nadal. O obradoiro Metidos en fariña, incluido no noso PDI, pon en marcha a cociña de Nadal con esta proposta arredor das sobremesas deste tempo. Mil  e unha fariñas (trigo, millo, améndoa, ...) están xa preparadas para formar parte das vosas propostas culinarias. Daquela, facede en familia, tirade fotos ou vídeo e se podedes mandádenos a proba; ademais de gozar e comer en familia! E aproveitade a ler contiños de Nadal!



domingo, 16 de outubro de 2022

EXPOSICIÓN DE CABAZAS E COCIÑA EN FAMILIA NO SAMAÍN

A tradicional exposición de cabazas monstruosas volve en vivo e en directo despois dos tempos de pandemia co título de ARREPÍO NA COCIÑA!. Collede o coitelo, as pinturas e a cabaza e... a tallar e decorar unha fantástica cabaza cociñeira!!!. 

O tema deste curso no PDI é alimentación sostible para a nosa saúde e para o planeta. Peixes e cereais van se-lo centro do noso traballiño nas aulas. Daquela as nosas cabazas cociñeiras van se-las primeiras en ocuparse da nosa alimentación. Pero NON ESQUEZADES FACER QUE TREMAMOS DE MEDOOOO!! 

Velaí van as instrucións!













Participa tamén no noso obradoiro de cociña e arte "Metidos en fariña" cociñando en familia!. No cole imos darlle voltas ás chulas!