Amosando publicacións coa etiqueta sosti-lab. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sosti-lab. Amosar todas as publicacións

domingo, 9 de novembro de 2025

PLANTANDO ÁRBORES CON PINCEIS



O pasado venres, os cursos de primaria unímonos para plantar árbores con pinceis... Non pensedes que isto vai unicamente de pintar... pois expertas trouxeron ao noso cole unhas pinturas fotocatalíticas que absorben e depuran os contaminantes que hai no aire... como se tivésemos árbores! Alucinante, non si!?

Os de 5º e 6º estivemos pintando un mural con estas pinturas sostibles nunha das paredes do patio cuberto.


Os de 4º participamos nun obradoiro de estampaxe. Realizamos, en equipo,  un padrón relacionado co coidado do medio ambiente e o estampamos nalgúns lugares do centro para compartir a mensaxe. Tamén estampamos o padrón do Proxecto O mar empeza aquí, unha campaña para visibilizar que o que se lanza nas rúas ou na rede de sumidoiros, pode acabar directamente no mar. Por todo isto, estampamos este padrón nun dos sumidoiros que hai no centro.


Por último, os de 1º e 2º estivemos pintando bolsas de tea con pinturas non contaminantes.


Aquí podedes vernos a todos e todas en acción!


 





venres, 23 de maio de 2025

Arroz con CHÍCHAROS!

Como ben sabedes, 3ºEP plantou chícharos na horta da escola. Resulta que ese traballo deu os seus froitos e decidimos facer unha pequena comida na clase para probalos.



Estabamos entre chícharos con xamón ou arroz 3 delicias. Ao final, fixemos este arroz con chícharos, pavo e queixo. Coas mans ben limpas e traballando en equipo conseguimos un arroz delicioso que papamos antes de marchar para casa!

Como cultivamos sen pesticidas e sen químicos obtivemos un resultado rico e saudable! 

Queriamos compartilo con vós, pero non deixamos nada! Unicamente temos como testigo este vídeo...






xoves, 27 de marzo de 2025

No Monte de San Andrés

No noso cole tivemos a oportunidade de participar nunha actividade moi especial nos Montes de San Andrés de Comesaña: a plantación de bidueiros e castiñeiros. Foi unha experiencia enriquecedora, organizada en colaboración coa comunidade de montes.

A actividade consistiu nunha charla informativa que fixeron para os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria e unha parte máis práctica que se levou a cabo co alumnado de Infantil, 1º e 2º, que participaron con moita enerxía e ilusión plantando as árbores.

Moitas gracias! entre todos faremos un planeta máis verde.




venres, 14 de marzo de 2025

RRREDOBRA - 3º E 4º NA SINFONÍA DO CAMBIO!

Hoxe, o alumnado de 3º e 4º gozamos moito na nosa saída ao teatro Afundación de Vigo. 

Asistimos a un espectáculo musical que resultou ser moi divertido! Levantámonos das butacas e participamos coas nosas voces e co noso corpo, creando entre todos ritmo e música. 3 das nosas compañeiras incluso subiron ao escenario!

Non debemos esquecer que toda a música estaba feita a través de diferentes elementos que atopamos no  noso día a día: caldeiros, botellas, bolsas... tocando así ao ritmo das famosas 3R: Reducir, Reutilizar e Reciclar. Ademais de toda a diversión desta mañá, levamos connosco a importante tarefa de formar parte do cambio e coidar o noso planeta.

No seguinte vídeo podedes comprobar que ben o pasamos!




xoves, 27 de febreiro de 2025

Queremos arroz con CHÍCHAROS! Plantamos na nosa HORTA

 

O alumnado de terceiro aproveitou as botas de auga dos mandatos do Meco MeteoCamilo para facer unha visitiña á horta da escola.

O primeiro de todo, quedamos abraiados co cambio e con eses novos bancais que temos! Deseguida localizamos o espazo do noso curso e plantamos CHÍCHAROS! E nada máis dicir esa palabra, a canción Arroz con chícharos, patacas novas... veu as nosas cabezas! Tamén vos pasa a vós o mesmo?

Despois de medir para respectar o espazo que as plantas precisan para crecer, toca esperar a que poidamos recoller os froitos deste traballo!


 


luns, 24 de febreiro de 2025

HORTICULTORES

 O alumnado de 4º do cole comezamos xa a tempada de sementeira plantando fabas na horta da escola.

Localizamos o espazo para o noso curso, fixemos os buratos na terra, botamos as sementes e volvimos tapar. Tamén investigamos sobre esta planta, para poder atendela correctamente e que así medre san e forte…

Estamos desexando ver a súa evolución… Pero aínda toca esperar un chisco…



venres, 31 de xaneiro de 2025

PEQUENOS METEORÓLOGOS

As nenas e nenos de 4º do cole fomos quen de converternos en meteorólogos e medir as precipitacións caídas na nosa parroquia durante varios días.

Comezamos fabricando os nosos propios pluviómetros, que logo colocamos nun lugar axeitado da horta do cole para así saber a cantidade de auga de chuvia caída. Para rematar a actividade fixemos gráficas cos resultados que tiñamos anotados nas nosas táboas de recollida de datos.

A continuación deixamos unha breve escolma da experiencia.



martes, 28 de xaneiro de 2025

Compostaxe

Para contribuír ao coidado do planeta, os nenos e nenas de 1º estiveron botando os residuos orgánicos recollidos nos recreos no composteiro.






luns, 18 de novembro de 2024

ECOESCOLAS - Mergullámonos na Reciclaxe

O alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria profundizamos un pouquiño máis na maneira que temos de reciclar no concello de Vigo grazas a un obradoiro do programa Ecoescolas. 

Repasamos os diferentes contedores que temos e o que debemos botar en cada un deles. 

Ademais do proceso de separación do lixo, falamos das distintas problemáticas que afectan ao medio ambiente e ideamos algunhas solucións. 

Lembradas as 4 R: reducir, reutilizar, reparar e reciclar, poremos cada un de nós o seu granciño de area para protexer a saúde do planeta!






mércores, 6 de novembro de 2024

NATURNOVA


Este mércores, 6 de novembro, as nenas e nenos de 3º e 4º E.P. do cole fixemos unha saída ao centro de educación medioambiental de Naturnova para aprender unha chea de cousas sobre o universo.

Investigamos o caso da pelota supersónica perdida, seguindo a súa estela polo sistema solar mentres  percorriamos diferentes salas... Toda unha aventura e un misterio que fomos quen de resolver!

Gozamos e aprendemos de todas e cada unha das experiencias que alí atopamos.