Amosando publicacións coa etiqueta celebración maios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta celebración maios. Amosar todas as publicacións

xoves, 9 de maio de 2024

MAIO, MAIO

Os nenos e nenas de madrugadores con Lorena quixeron participar da tradición dos maios e construiron coas fermosas flores da primavera uns estupendos maios.



Tamén na clase de 5 anos puxémonos á tarefa cun mundo de xestas, algúns fiunchos, calas e outras flores. Mágoa que a abonda chuvia da fin de semana fixo que non puidesemos ir ó monte a gusto e que as xestas enseguidiña se murchasen. Aínda así fomos quen de intentalo e cumprir a tradición. 

Para nós o mellor non foi o resultado, un maio moi amarelo e xesteiro, senón ser quen de monta-la estrutura, traballando manipulativamente lonxitude, xeometría e volume. Ademais cortamos as xestas para facer os mollos e ir enchendo a estrutura. Chegou o intre de marchar para casa e deixámolo así. As calas, dedaleiras e varas de san antonio víanse moi bonitas no floreiro e decidimos non colocalas. Quen sabe! o mellor un día destes, agora que veu o solciño, volvemos co maio e poñemos máis flores e facemos colares de pampillos!.
 







mércores, 1 de maio de 2024

MAIO, MAIO, RENOVANDO AS TRADICIÓNS

 


Xa están aquí os maios de novo e un ano máis invitámosvos a procurar material vexetal e facer o voso maio na casa.  Procurade flores,  fiunchos, herbas, fentos, xestas, froitas e pólas nos vosos paseos, en canto a chuvia nos deixe e animádevos! Podemos construir un maio sinxelo e colares de pampillos. Recuperemos e manteñamos viva esta tradición tan nosa que nos pon en contacto coa natureza facendo do natural tamén arte. E se aproveitades este día ou a fin de semana para ver os maios que fan en distintos puntos da nosa contorna e xeografia galega non dubidedes en mandar tamén unha foto!.

 Enviádenos as fotos ao noso correo parrococamilo@gmail.  
Podedes lembrar esta tradición volvendo a ler esta páxina.

Mirade tamén na etiqueta "celebración maios" tódolos maios feitos polas familias e aulas nos pasados cursos. AQUÍ

Nalgunhas aulas faremos tamén o noso maio e  bailaremos e cantaremos arredor del!.

sábado, 13 de maio de 2023

O NOSO MAIO

 Os nenos e nenas de infantil de 3 e 4 participamos na celebración das festas de primavera tradicionais elaborando coa axuda das familias o noso propio maio. O primeiro día que recibimos aportacións florais non había xestas abondo para "forrar" a estrutura; daquela aproveitamos a facer un mandala floral. Xa o fixeramos o curso pasado e os de 4 queriamos amosarlles os cativos de 3 como se facía.  Quedounos moi aqueladiño e xa que estabamos fóra aproveitamos a plantar unhas  leitugas!




 Días despois, en dúas mañás consecutivas achegámonos á entrada do noso cole para  colocar na estrutura as xestas, os fiunchos, fentos e flores diferentes que trouxéramos da casa. Foron dúas mañás gozando da natureza e aproveitando os recursos naturais para desenvolver a nosa arte e recuperar tradicións. Despois bailamos e cantamos a corro arredor do noso maio. Pasámolo moi ben.

Mágoa que o tempo non acompañou e a chuvia deses primeiros días de maio fixo que non poidesemos traer tanto material vexetal coma outros anos. Non houbo problema! Fomos quen de facer un maio estupendo!



martes, 9 de maio de 2023

O MAIO DE XIÁN E NOA

 Puntuais á cita Xián e Noa, 4º e 1º de primaria, cumpren coa tradición dos maios. Que ben o fixestes! Un maio estupendo!



luns, 1 de maio de 2023

VOLVEN OS MAIOS

 


Xa están a aquí os maios de novo e un ano máis invitámosvos a procurar material vexetal e facer o voso maio na casa. Animádevos e enviádenos a foto ao noso correo parrococamilo@gmail. Xa sabedes que admite tódalas formas e tódolos tamaños. Podedes lembrar esta tradición volvendo a ler esta páxina.

Mirade tamén na etiqueta "celebración maios" tódolos maios feitos polas familias e aulas nos pasados cursos. AQUÍ

Os nenos e nenas de infantil podedes traer tamén flores,  fiunchos, herbas, fentos, xestas, froitas e pólas ao cole. Nós tamén queremos vivir esta experiencia e bailar e cantar arredor do noso maio.

sábado, 28 de maio de 2022

UN NOVO MAIO EN FAMILIA

Biba da aula de 3 anos envíanos un novo maio feito na casa. Que bonito quedou! Que ben que sigades participando e recuperando tradicións!



martes, 10 de maio de 2022

UN MAIO E UN CADRO... DE ABRIL E JULIÁN

 Abril (5 anos) e Julián (3º de primaria) festexan a primavera co seu estupendo maio e ademais atrévense cun  superreto artístico...recrean un cadro de Laxeiro. Que ben! 




luns, 9 de maio de 2022

"COMO FIXEMOS" O NOSO MAIO

 Os nenos e nenas de infantil quérenvos amosar como fixeron o seu maio.



O MAIO DE LOIS

 A Lois encántanlle os dinosaurios. Cando decidiu facer o maio na casa tíñao claro: quería facer un dinosaurio. Así xurdiu unha nova especie. Que nome lle imos por? Apuntarémolo na listaxe de dinos!






MESA DE LUZ E COMPOSICIÓNS PROPIAS NOS MAIOS

 Ademáis de todo o feito cos compañeiros de infantil na aula de 3 anos traballaron as palabras relacionadas cos maios na mesa de luz e fixeron as súas propias composicións vexetais no papel. Outro xeito distinto de vivir a tradición dos maios!












domingo, 8 de maio de 2022

O MAIO DE INFANTIL

 Chegado o mes de maio e coa colaboración das familias pasamos o luns e martes cumplindo coa tradición e preparando o noso maio colaborativo. Por quendas fomos achegándonos ao porche e pasamos o tempo colocando as xestas na estrutura, atando os fiunchos e ensartando pampullos no arame e no fío. Para rematar puxemos as preciosas flores que trouxemos entre todos. 

Deunos moito traballo, pero  cando o miramos rematado quedamos abraiados e moi satisfeitos. Nada mellor entón que bailar en cantar arredor do noso maio lembrando tamén as palabras dalguns dos nosos poetas como Florencio Delgado a quen se lle adican este ano As Letras Galegas.



                                                                 MAIO LONGO



AÍ VÉN O MAIO!






luns, 2 de maio de 2022

O MAIO DE SIENNA E ALANA

 Alana e Sienna  (3 anos e 2º de primaria) pasaron unha estupenda tarde facendo este precioso maio. Con ollos e sombreiro!!! Parabéns!




COMEZAN A CHEGAR OS MAIOS DAS FAMILIAS

 Xián e Noa (3º de primaria e 5 anos) son os primeiros en achegarnos a foto do seu maio. Que ben comezaron o mes cumplindo coa tradición! Parabéns!





sábado, 30 de abril de 2022

LEMBRANDO COUSIÑAS SOBRE OS MAIOS

 Se non lembrades como son as plantas e as herbas que tradicionalmente usamos para os maios aquí tedes unhas pistas...

https://fontedosfrades.blogspot.com/2021/05/os-maios-tradicion-e-elementos.html

Facer un maio é unha das propostas que temos para colaborar en familia cos nosos proxectos e estas son as datas nas que se contrúen. Animádevos! Agardamos as vosas fotos!

ACTIVIDADES PARA FAMILIAS

martes, 18 de maio de 2021

OS MAIOS, TAMÉN NAS LETRAS GALEGAS

 Lara (1º de primaria) e Claudia (4º de primaria) pasaron a xornada das Letras Galegas recollendo flores e construindo o seu propio maio. Pasárono fenomenal. Estupendo!












venres, 14 de maio de 2021

UN NOVO MAIO

 Julia de 5 anos e a súa familia desfrutaron moito facendo este maio. Flores e fiunchos...un festival de cheiros!



domingo, 9 de maio de 2021

O MAIO DE XIÁN

Xián de 5 anos e o seu pai construiron xuntos este estupendo maio. Que ben manter as tradicións e facelo en familia!


OS MAIOS DE NOA E ADA

 Noa (4º de primaria) e Ada (2º de primaria) celebraron os maios descubríndo nun saudábel paseo polo monte as herbas e arbustos protagonistas desta festa. Ademáis de desfrutar coa lectura  e a música do poema  "Aí ven o maio" de Curros Enríquez ,que sempre ven á nosa memoria nestas datas. Como elas mesmas contan...

"... desfrutamos dun fermoso paseo polo monte. Apañamos xestas,  pendurámolas do noso coche para afastar o mal de ollo e os meigallos e traer bonanza nestes tempos.

No paseo polo monte coñecimos as herbas do Maio, recollemos pampillos, fiunchos, anises e fixemos un fermoso xarrón para a nosa casa."

 O xarrón e as descobertas do seu paseo tédelas neste collage que fixeron. Ademáis pintaron uns estupendos maios con acuarela.


O MAIO DE ADA

O MAIO DE NOA




mércores, 5 de maio de 2021

UN NOVO MAIO FAMILIAR

 Enzo de 3 anos e Leyre de 6º envíannos a foto do seu Maio. Que ben que sigamos a manter as tradicións!



domingo, 2 de maio de 2021

UNHA TRADICIÓN NO 1º DE MAIO

Mencía e Lucas  de 4 e 3 anos explícannos con esta foto que a tradición do 1 de Maio é poñer unha xesta na porta da casa ou na cancela para que non entren os malos maios en todo o ano. Eles cumpriron!