Mentres seguen a medrar as patacas, berzas e fabas plantadas en febreiro seguimos a traballar na horta plantando leitugas e amorodos
domingo, 30 de abril de 2023
AMORODOS E LEITUGAS NA HORTA ESCOLAR
PRIMAVERA...PLANTAMOS PETUNIAS EN INFANTIL
No marco do noso obradoiro natural os nenos e nenas de infantil non só queremos plantar verduriñas para o caldo, senón tamén adornar aínda máis o xa precioso patio que temos. Canda a moreira, o acivro, as tuias e as hortensias locen agora tamén as petunias que vimos de plantar.
domingo, 5 de marzo de 2023
3º TAMÉN SEMENTA
Pouquiño a pouco tódolos cursos van sementando os ingredientes do caldo. Cando todo estea medrado engadiremos auga, un chisquiño unto e sal, poñeremos a quecer e...listo! A ver se podemos probalo nas casas! 3º de primaria, púxose tamén coas patacas e as berzas!
sábado, 4 de marzo de 2023
SEGUIMOS COA HORTA
Agora que os compañeiros doutros cursos traballaron na horta e xa nos amosaron como facer, fomos os de infantil os que quixemos probar esta experiencia.
Primeiro os de 3 e 4 e despois os de 5 plantamos berzas, fabas e patacas para o noso caldo. Que ben o pasamos! Xa sabedes que nos encanta fozar na terra! Agora cómpre coidar ben o plantado, para poder alimentarnos ben no futuro.
luns, 27 de febreiro de 2023
COMEZAMOS NA HORTA CO CALDIÑO DE GLORIA
Este curso estamos dispostos a facer un bó caldiño de gloria cos nosos propios ingredientes cultivados na horta. Puxémonos xa en marcha e os nenos e nenas de 1º, 2º e 4º plantaron grelos e fabas, ademais de prixel. Xa temos para medio caldo!
1º primaria: berzas
https://www.instagram.com/p/CpD1F8AMP2a/?igshid=YmMyMTA2M2Y%3Ddomingo, 26 de febreiro de 2023
INFANTIL NO MUSEO DO MAR
Mesmiño ca os nosos compañeiros de 1º e 2º, nós quixemos ver cos nosos propios ollos moitos dos peixiños cos que estamos a traballar e vemos xa no mural do cole. Dito e feito, collemos emocionados o autobús e marchamos para aló. Non fomos sós. Canda nós viñeron o compañeiros de 5 anos. Eles mesmos contaránvolo.
Para moitos de nós era a primeira vez que viaxabamos no bus e que iamos a un museo. Cando chegamos alí descubrimos que había moitas cousas interesantes que ver e puidemos observar e tocar as cunchas deses moluscos que coñecemos, aprender cousas sobre o seu medre no mar e contar os dentes dos tiburóns!!. Mimá! Tiñan 3 ou catro filas de dentes!!. Ademais puidemos ver un enorme dente de megalodón. O acuario tamén foi xenial observando como ían e viñan tiburóns, raias e enormes peixes. A maragota e a robaliza viñéronnos saudar. O boi saudou dende o alto dunha rocha. Ben sabían eles que estiveramos a aprender cousas sobre a súa vida! Antes de marchar os pequenos de 3 e 4 puidemos ver en directo como unha das tiburonas poñía un ovo. Díxonos Itziar, a nosa monitora, que era cousa moi dificil de ver. Que sorte tivemos!
xoves, 23 de febreiro de 2023
1º e 2º coñecen o Museo do Mar de Galicia
O 23 de febreiro o alumnado do primeiro ciclo de primaria visitou o museo situado en Alcabre. Escoitaron atentos sobre os moluscos máis coñecidos, os que están acostumados a ver na ría de Vigo, e puideron tocar vieiras, mexilóns, lapas, caramuxos, caracolas de mar... Ademais tiveron moito coidado ao tocar unha mandíbula de tiburón para non mancarse, xa que tiña uns dentes moi afiados!
A visita completouse cun recorrido polo acuario, na que observaron tiburóns, rodaballos, sargos, e mesmo ovos de peixe raia, que de cando en vez vemos polas nosas praias!
Por suposto que tamén falamos da importancia de manter a nosa contorna o máis limpa posible, reciclando todos os plásticos, para que os nosos mares e océanos estean nas mellores condicións para albergar a tantas especies mariñas.