domingo, 26 de febreiro de 2023

INFANTIL NO MUSEO DO MAR

 Mesmiño ca os nosos compañeiros de 1º e 2º, nós quixemos ver cos nosos propios ollos moitos dos  peixiños cos que estamos a traballar e vemos xa no mural do cole. Dito e feito, collemos emocionados o autobús e marchamos para aló. Non fomos sós. Canda nós viñeron o compañeiros de 5 anos. Eles mesmos contaránvolo.

Para moitos de nós era a primeira vez que viaxabamos no bus e que iamos a un museo. Cando chegamos alí descubrimos que había moitas cousas interesantes que ver e puidemos observar e tocar as cunchas deses moluscos que coñecemos, aprender cousas sobre o seu medre no mar e contar os dentes dos tiburóns!!. Mimá!  Tiñan 3 ou catro filas de dentes!!. Ademais puidemos ver un enorme dente de megalodón. O acuario tamén foi xenial observando como ían e viñan tiburóns, raias e enormes peixes. A maragota e a robaliza  viñéronnos saudar. O boi saudou dende o alto dunha rocha. Ben sabían eles que estiveramos a aprender cousas sobre a súa vida! Antes de marchar os pequenos de 3 e 4 puidemos ver en directo como unha das tiburonas poñía un ovo. Díxonos Itziar, a nosa monitora, que era cousa moi dificil de ver. Que sorte tivemos! 



Ningún comentario:

Publicar un comentario