MARMELO DO COLE, VENDIMA, ZUME DE UVA, LIMONS GALEGOS E MILLO. APRENDEMOS NO OUTONO SOBRE ALIMENTACIÓN SA.
As fotos da degustación do marmelo podedes velas en instagram.
MARMELO DO COLE, VENDIMA, ZUME DE UVA, LIMONS GALEGOS E MILLO. APRENDEMOS NO OUTONO SOBRE ALIMENTACIÓN SA.
As fotos da degustación do marmelo podedes velas en instagram.
Maruxa é un conto que nos acompañou dende o 2º trimestre. Tiñámolo de libro do mes de marzo e gozamos moito coa espilida avóa Maruxa que foi quen de conseguir que o seu home Pepiño traballase tamén nas tarefas de cociña.
Despois de gozar un mundo coa súa lectura, quixemos facer fan coma Maruxa e Pepiño e iso fixemos. Xa o vistes nunha entrada anterior. Aos poucos dias, os de 4, fixemos a Pepiño con masa de barro e plastilina, pero... faltábanos algo. Por que non facemos unha Maruxa de galleta e comémola?dixeron todos. Dito e feito. Invitamos os amigos de 3 anos que son moi marchosos e metémonos en fariña. Fixemos dúas galletas, unha de Maruxa e outra de Pepiño. Amasamos todo o ben que poidemos, aínda que se nos foi a man botando o sucre! As facianas dos personaxes fixémolas como soubemos.
Somos pequenos para estas argalladas, pero o importante non é o resultado; senón que fomos moi felices facendo galletas e pensando en compartilas coa nosa familia. Daquela, obxectivo cumplido! Dentro de moitos anos seremos de certo os mellores cociñeiros e pasteleiros!
O conto Un rico pastel ,que formou parte de gastronómicas propostas neste curso, acompañounos no día de hoxe nas voces lectoras e os bonecos de Sofía, Olivia, Alana e Julia de 2º. As catro contáronnos a tódolos compañeiros de infantil, 1º e 2º este divertido conto no que sucede que cando son moitos a opinar as cousas non sempre saen como deberían.
Seguindo o ronsel dos nosos compañeiros, o alumnado de 1º e 2º tamén queríamos coñecer o Porto de Vigo por dentro, así que o mércores 7, e con paraugas na man, dirixímonos ao centro de Vigo.
A experiencia resultou ser moi enriquecedora por todo o que descubrimos: tipos de embarcacións, diferencias entre mariscos dependendo da súa orixe, tanques para viveiros, e mesmo coñecemos a "Shakira" e o seu compañeiro, dous falcóns que intimidan ás gaivotas, para que non entren en contacto co produto fresco que chega do mar, e así protexer a nosa lonxa.
Estabamos encantados cos nosos chalecos reflectantes, fixádevos!
Os nenos e nenas de 5 pasaron a mañá de onte megullados na tarefa de facer pan. Mesturaron e amasaron ata conseguir que a masa tivese a textura axeitada para poñela a levedar. Despois dun tempo de espera e cruzando os dedos para que o forno funcionase puideron envolver e levar a casa os bolos feitos por eles. Segundo contaron "as crónicas" os pans estaban moi moi bos. Sodes uns artistas!
Hoxe martes, día 6 de xuño, as nenas e nenos de 3º e 4º do cole fixemos unha saída para coñecer de primeira man as instalacións e o traballo que se fai dentro do Porto de Vigo. Comezamos cunha explicación das artes de pesca e os tipos de barcos; seguimos cunha visita á sala de conservación do peixe fresco e conxelado, pasando logo á zona dos viveiros de marisco, onde pudimos ver e tocar en vivo moitos destes animais dos que nós xa sabiamos unha morea de cousas. Antes de saír desta zona pasamos pola sala de elaboración, onde estaban a preparar algúns peixes para proceder ao seu reparto por distintos puntos da nosa xeografía. Rematamos visitando a lonxa e converténdonos por uns intres en vendedoras e compradoras facendo a poxa da mañá. Toda unha experiencia...
Metidos como estivemos neste curso coas mans na cociña, promovendo unha alimentación sá e caseira, non quixemos rematar sen probar a facer pan. Maruxa , a avoiña do conto, facía un pan moi rico. O pan é alimento tradicional na nosa Galicia e son moitos os cereais cos que se fai. Os de 4, ademais coa súa ollada posta na cultura exipcia, aprenderan que o pan era alimento fundamental daquela, ademais de servir de moeda. Así que todos xuntos,os pequenos de 3 e de 4 ,“metémonos en fariña” e ben cediño comezamos co choio.
Preparar os ingredientes (fariña de centeo, lévedo, sal e
auga), amasar con moito agarimo, facer una bola estupenda, poñela en panos
quentiños para ela levedar axeitadamente e fornear. Todos estes pasos demos con
moita ilusión para poder comer pola tarde un bo anaco de pan na merenda. Nos
fixémolo todo moi ben. O forno non quería axudar moito…había tanto tempo que
non o poñíamos a funcionar!. Pero tras algún que outro problemiña, os nosos
boliños saíron do forno con moito arrecendo e moi boa pinta. Ogallá que o seu
sabor non decepcionase porque nós puxemos todo da nosa parte. E coma sempre imos por diante, a nosa experiencia vailles servir moito ós nosos amigos de 5 anos que dentro duns días tamén van facelo. Xa nos contaredes!
No conto Maruxa, que nos encantou, eliximos o personaxe de Pepiño para facer o noso cadro con masa. Fixemos unha composición con barro branco e plastilina coa figura do personaxe e pasámolo moi ben.
O venres 19 de maio os alumnos de 5º e 6º visitamos o porto, a lonxa e o mercado de Bueu. Explicáronnos as diferentes actividades que se levan a cabo nunha xornada habitual. Rematamos tomando unha merenda mariñeira.
Como xa vos contamos hai tempo os nenos e nenas de 5º confeccionaron bandas deseñadas adicadas á problematica do planeta. Escribiron e ilustraron as súas historias e gravaron os textos na radio escolar. Un traballo completo! Agora mentres agardamos que rematen de preparar a interpretación da música que vai acompañar a montaxe do programa de radio, podemos xa gozar dun vídeo no que están recollidos tódolos cómics feitos.
Tamén os nenos de infantil 1º, 5º e 6º en outras quendas xogamos e aprendemos como as conservas e os vexetais axudan á nosa saúde e puidemos comer riquísimos bocadillos cos ingredientes que escollemos.
Hoxe martes, día 9 de maio, as nenas e nenos de 2º, 3º e 4º do cole fixemos unha actividade sobre hábitos alimenticios onde aprendemos como facer un bocata de xeito máis saudable. Vimos moitos aspectos do mundo do mar: artes de pesca, características dalgúns peixes, o labor das conserveiras…
Logo fixemos un xogo de preguntas e respostas no que
estivemos moi ben, aínda que algunha pregunta era algo difícil... Rematamos preparando un bocadillo con peixe en conserva, queixo, hortalizas… A verdade é
que estaba boísimo!
Mentres seguen a medrar as patacas, berzas e fabas plantadas en febreiro seguimos a traballar na horta plantando leitugas e amorodos
As pescudas documentais do noso PDI, que se reflicten no estupendo mural do mar que vimos construindo dende principio de curso e que vai mudando a súa faciana con novos contidos, complétanse con varias actividades complementarias que se van sucedendo, pouquiño a pouco, ao longo do tempo. Desta volta tódolos nenos e nenas, dende 3 anos ata 6º de primaria, en varias quendas, adaptando os contidos a candaseu nivel, asomámonos ao ximnasio para aprender e xogar coas actividades preparadas por este programa da consellería. Temos só as fotos de infantil, primeiro, quinto e sexto, pero xa sabedes que en canto teñamos as demáis poñeremolas aquí.
Ademáis das petunias que plantamos aí atrás, adornámo-lo noso patio cuns zapatos amorodeiros. A primavera tráenos beleza e moitas vitaminas. Que bonitos quedan! Mentres coidamos as nosas plantiñas, agardaremos a que as cores vermellas pinten as nosas froitas e poidamos probalas. Non digades que non traballamos polo planeta e pola nosa saúde!
Quixemos tamén continuar o círculo comezado no outono co baleirado das cabazas. Despois de sementar e observar o medre poderemos de novo usar as nosas propias cabazas para celebrar o Samaín e degustar sobremesas e outras receitas feitas con este alimento tan san e tan tradicional.
O pasado 21 de abril achegouse á nosa biblioteca SAbela Fernández autora do libro ladrón de soños, escollido este curso para a lectura na aula dos nenos de 1º e 2º de primaria. Gozaron un mundo coas súas historias e aproveitaron coma sempre a levar asinados por ela os exemplares do seu libro.
A mañá deste mércores 29 de marzo os nenos e nenas de 5º e 6º foron os protagonistas da plantación de noventa novas árbores autóctonas como cerdeiras, freixos, castiñeiros e sobreiras. A primeira parte da experiencia foi recibir explicacións relacionadas co funcionamento da comunidade e a importancia de contar con montes repoboados despois dos incendios, tal como aconteceu en 2017. Despois de encher toda a finca de “Talliños” con novas especies fixemos un paseo polos arredores desfrutando das espectaculares vistas da cidade de Vigo e a súa ría.