Tamén os nenos de infantil 1º, 5º e 6º en outras quendas xogamos e aprendemos como as conservas e os vexetais axudan á nosa saúde e puidemos comer riquísimos bocadillos cos ingredientes que escollemos.
xoves, 11 de maio de 2023
FAI CLIC NO TEU BOCATA 2ª parte
martes, 9 de maio de 2023
FAI CLIC AO TEU BOCATA
Hoxe martes, día 9 de maio, as nenas e nenos de 2º, 3º e 4º do cole fixemos unha actividade sobre hábitos alimenticios onde aprendemos como facer un bocata de xeito máis saudable. Vimos moitos aspectos do mundo do mar: artes de pesca, características dalgúns peixes, o labor das conserveiras…
Logo fixemos un xogo de preguntas e respostas no que
estivemos moi ben, aínda que algunha pregunta era algo difícil... Rematamos preparando un bocadillo con peixe en conserva, queixo, hortalizas… A verdade é
que estaba boísimo!
domingo, 30 de abril de 2023
TÍ SI QUE ES UN BO PEIXE
As pescudas documentais do noso PDI, que se reflicten no estupendo mural do mar que vimos construindo dende principio de curso e que vai mudando a súa faciana con novos contidos, complétanse con varias actividades complementarias que se van sucedendo, pouquiño a pouco, ao longo do tempo. Desta volta tódolos nenos e nenas, dende 3 anos ata 6º de primaria, en varias quendas, adaptando os contidos a candaseu nivel, asomámonos ao ximnasio para aprender e xogar coas actividades preparadas por este programa da consellería. Temos só as fotos de infantil, primeiro, quinto e sexto, pero xa sabedes que en canto teñamos as demáis poñeremolas aquí.
AMORODOS NOS ZAPATOS
Ademáis das petunias que plantamos aí atrás, adornámo-lo noso patio cuns zapatos amorodeiros. A primavera tráenos beleza e moitas vitaminas. Que bonitos quedan! Mentres coidamos as nosas plantiñas, agardaremos a que as cores vermellas pinten as nosas froitas e poidamos probalas. Non digades que non traballamos polo planeta e pola nosa saúde!
Quixemos tamén continuar o círculo comezado no outono co baleirado das cabazas. Despois de sementar e observar o medre poderemos de novo usar as nosas propias cabazas para celebrar o Samaín e degustar sobremesas e outras receitas feitas con este alimento tan san e tan tradicional.
luns, 27 de febreiro de 2023
SAÍDA NATURNOVA 3º E 4º
O venres, día 24 de febreiro, as nenas e nenos de 3º e 4º do cole fixemos unha saída didáctica ao centro de educación ambiental de Naturnova. A idea era completar un desafío composto por unha serie de preguntas, ás que tiñamos que dar resposta interactuando con todo o material disposto polas distintas salas que íamos visitando.
A verdade é que todas eran moi interesantes, pero mirar os fondos mariños nun pequeno submariño con lentes 3D, observar o ciclo da auga con realidade virtual, ou mesmo ver dinosauros correndo a nosa beira grazas á realidade aumentada foi algo incrible, alucinante!
Quedamos con gana de máis...
martes, 20 de decembro de 2022
1º, 2º e 3º de primaria visitan "El Cuerpo Humano"
O venres 16 de decembro o alumnado dos cursos baixos de primaria coñeceu a exposición interactiva a tamaño xigante sobre o corpo humano. A exposición, situada en Coia de forma temporal, con motivo das festas navideñas, permitiulles tocar e explorar diferentes órganos do corpo e as súas curiosidades. Aquí tedes unha mostra do que fixeron:
xoves, 1 de decembro de 2022
CIENCIA EN GALEGO. VISITA A NATURNOVA
Os nenos e nenas de 1º e 2º tamén visitaron Naturnova para seguir aprendendo cousas sobre o noso planeta e como coidalo. Todo o aprendido acáenos de marabilla co desenvolvemento do noso PDI anual e xa agardamos que eles mesmos nos conten todo o que viron e experimentaron. As estacións, o mundo mariño, a reciclaxe... De certo que xa nos levan vantaxe co "proxecto residuos cero" que vimos de comezar en outubro.