xoves, 1 de xuño de 2023

FACEMOS PAN EN 3 E 4

 Metidos como estivemos neste curso coas mans na cociña, promovendo unha alimentación sá e caseira,  non quixemos rematar  sen probar a facer pan. Maruxa , a avoiña do conto, facía un pan moi rico. O pan é alimento tradicional na nosa Galicia e son moitos os cereais cos que se fai.  Os de 4, ademais  coa súa ollada posta na cultura exipcia, aprenderan que o pan era alimento fundamental daquela, ademais de servir de moeda. Así que todos xuntos,os pequenos de 3 e de 4 ,“metémonos en fariña” e ben cediño comezamos co choio.

Preparar os ingredientes (fariña de centeo, lévedo, sal e auga), amasar con moito agarimo, facer una bola estupenda, poñela en panos quentiños para ela levedar axeitadamente e fornear. Todos estes pasos demos con moita ilusión para poder comer pola tarde un bo anaco de pan na merenda. Nos fixémolo todo moi ben. O forno non quería axudar moito…había tanto tempo que non o poñíamos a funcionar!. Pero tras algún que outro problemiña, os nosos boliños saíron do forno con moito arrecendo e moi boa pinta. Ogallá que o seu sabor non decepcionase porque nós puxemos todo da nosa parte. E coma sempre imos por diante, a nosa experiencia vailles servir moito ós nosos amigos de 5 anos que dentro duns días tamén van facelo. Xa nos contaredes!



1 comentario: