sábado, 21 de novembro de 2026
3º e 4º coñecen a obra de Chema Madoz
martes, 17 de novembro de 2026
Unha viaxe teatral con Iriña Bailarina
O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria tivo a oportunidade de gozar da obra de teatro Iriña Bailarina, unha fermosa e divertida proposta que nos invita a reflexionar sobre a igualdade de xénero e a ruptura dos estereotipos.
A través dunha bailarina que vive nunha caixa de música e que soña con saír dela para xogar ao futbolín ou converterse en pirata, descubrimos que non existen xogos, profesións nin soños exclusivos de nenos ou nenas.
Unha historia chea de imaxinación, humor e valores que nos lembra a importancia de ser libres para elixir, xogar e soñar sen límites nin etiquetas.
Porque todos e todas podemos ser o que queiramos!
venres, 6 de novembro de 2026
SAMAÍN. INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO
Hoxe, na escola, o alumnado de 1º e 2º participamos nunha actividade na que aprendimos a importancia de elixir disfraces seguros e sostibles, fixándonos sempre nas súas etiquetas e asegurándonos da presenza do selo da Comunidade Europea, que nos vai garantizar que os materiais sexan seguros para todos nós. Tamén nos explicaron que hai que fixarse na presenza doutros elementos como cremalleiras, cordóns, etc. que poden chegar a poñernos en perigo… Asemade recordáronnos que é moi importante reutilizar e/ou donar aqueles disfraces ou roupas que xa non nos valen…
Entre todos temos que facer deste mundo un lugar máis sostible e seguro.
Visita ao Concello de Vigo
O alumnado de 5º e 6º de Primaria realizou umha saída educativa ao Concello de Vigo para coñecer de preto o seu funcionamento e algunhas das súas instalacións.
Durante a visita percorremos a lonxa, o Salón de Plenos, onde tivemos a oportunidade de saudar ao alcalde, a sala de control de tráfico e a sala de danza popular.
Finalmente, subimos á novena planta, onde visitamos a sala de prensa e gozamos dunhas vistas espectaculares da ría de Vigo.
Foi unha experiencia enriquecedora que nos permitiu aprender fóra da aula e coñecer mellor a nosa cidade.
venres, 23 de outubro de 2026
Cartografía dos coidados
Os días 22 e 23 de outubro, o alumnado de Educación Primaria participou nunhas sesións moi interesantes a través do xogo "Cartografías dos coidados".
Mediante diferentes situacións da vida familiar, reflexionamos sobre a importancia de compartir responsabilidades, coidarnos, respectarnos e colaborar nas tarefas do fogar.
Foi unha actividade divertida e enriquecedora que nos axudou a comprender que existen diferentes tipos de familias e que os coidados son responsabilidade de todas e todos.
Coidar, compartir e respectar para convivir mellor!
Actividade organizada polo Anpa do Ceip. Párroco don Camilo e subvencionada pola Consellería de Política Social e Igualdade, Pacto de Estado e Ministerio de Igualdade.
xoves, 15 de outubro de 2026
Charlas coa Policía Local en 5º e 6º
O mércores 14 de outubro, o alumnado de 5º e 6º participou nunha charla coa Policía Local sobre o pensamento útil, a toma de decisións e a influencia do grupo.
Aprenderon a importancia de pensar antes de actuar, tomar boas decisións e non deixarse levar sempre polo que fan os demais.
Moitas grazas á Policía Local pola súa colaboración!
sábado, 10 de outubro de 2026
Obradoiros de educación sexual en primaria
Os días 7, 8 e 9 de outubro, o alumnado de 1º a 6º de primaria participou nuns obradoiros de educación sexual adaptados ás diferentes idades.
A través de xogos traballáronse aspectos relacionados co coñecemento e respecto do propio corpo, as emocións, a autoestima e as relacións saudables.
Unha actividade moi importante para seguir medrando no respecto, na igualdade e no coidado dun mesmo e dos demais.
martes, 6 de outubro de 2026
CHARLA PARA AS FAMILIAS: “NORMAS E LÍMITES”
O pasado 5 de outubro celebrouse no noso centro educativo unha charla do programa “Máis que un teito”, promovido polo Plan Local sobre Drogodependencias e Outras Adiccións do Concello de Vigo.
Esta iniciativa ten como obxectivo destacar o
importante papel da familia na educación e no desenvolvemento dos nenos e
nenas, así como ofrecer ferramentas para mellorar a comunicación, establecer
normas e límites e favorecer a prevención de condutas de risco.
Moitas grazas a todas as familias pola súa participación e interese!
luns, 22 de xuño de 2026
Horta escolar
Durante o curso, o alumnado participou en diferentes tarefas na nosa horta escolar dentro do programa Voz Natura. Esta actividade permitiulles aprender de forma práctica sobre o cultivo das plantas, o coidado do medio ambiente e a importancia dunha alimentación saudable.
Ao longo das sesións, os nenos e nenas prepararon a terra, realizaron plantacións, retiraron malas herbas e colaboraron no mantemento dos cultivos. Ademais de adquirir coñecementos sobre a natureza e os ciclos das plantas, tamén desenvolveron valores como a responsabilidade e o respecto pola contorna.
A horta converteuse nun espazo de aprendizaxe ao aire libre onde observar, experimentar e descubrir como medran os alimentos que consumimos. O entusiasmo e a implicación do alumnado quedaron reflectidos en cada unha das tarefas realizadas.
Parabéns a todos e todas polo seu esforzo e pola ilusión coa que participan neste proxecto tan enriquecedor. Seguiremos coidando a nosa horta e aprendendo da natureza día a día. 🌱🌼🍅
venres, 19 de xuño de 2026
FESTIVAL
Enchemos de colorido, música, presentacións e despedida dos alumnos maiores un día que nos acompañou co bo tempo. Participou todo o alumnado poñendo cada un o mellor de si mesmo para agradar ás familias que gustosamente viñeron a vernos , creando así unha nova xornada de convivencia no centro, entrando posteriormente a visitar os corredores transformados nun gran museo Gaudí , froito do noso traballo ao longo do curso.
xoves, 18 de xuño de 2026
TRABALLAMOS OS POLIEDROS EN 6º DE PRIMARIA
Durante as
últimas sesións de Matemáticas, o alumnado de 6º de Primaria traballou os
poliedros a través dunha actividade manipulativa e moi motivadora. Empregando
fíos, construíron diferentes figuras xeométricas tridimensionais, o que lles
permitiu identificar e comprender mellor os seus elementos: caras, arestas e
vértices.
Unha vez
rematadas as construcións, os alumnos e alumnas analizaron as características
de cada poliedro e aplicaron os contidos traballados na aula para calcular a
súa área e o seu volume. Desta maneira, puideron relacionar a teoría coa
práctica e consolidar os seus coñecementos de xeometría dun xeito máis significativo.
Esta proposta
favoreceu a aprendizaxe activa, o desenvolvemento do razoamento matemático e o
traballo cooperativo, ademais de fomentar a creatividade e a capacidade de
resolución de problemas.
mércores, 17 de xuño de 2026
O ALUMNADO DE 5º E 6º DE PRIMARIA ELABORA O SEU “DECÁLOGO DO BO INTERNAUTA”
Dentro das actividades do PIE (Benestar Emocional) desenvolvidas
no noso centro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria participou nunha
interesante proposta centrada no uso seguro, responsable e respectuoso de
Internet.
Da man das súas titoras, os nenos e nenas traballaron
na elaboración de diferentes carteis nos que recolleron un “Decálogo do Bo
Internauta”, un conxunto de recomendacións e normas básicas para navegar
pola Rede de forma segura. A través desta actividade, o alumnado reflexionou
sobre os seus hábitos dixitais e plasmou as súas conclusións de maneira
creativa e visual.
Ademais de reforzar os seus coñecementos sobre
seguridade dixital, esta actividade permitiu ao alumnado potenciar habilidades
como o traballo en equipo, a reflexión crítica e a comunicación visual.
Os carteis elaborados permanecerán expostos na aula
STEM do colexio para que toda a comunidade educativa poida coñecer e recordar
estas recomendacións, contribuíndo entre todos e todas á creación dun entorno
dixital máis seguro.
venres, 12 de xuño de 2026
XORNAL DON MOUCHO 2026
Un ano máis presentámosvos o noso xornal Don Moucho no que atoparedes algunhas das moitas cousiñas coas que aprendemos ao longo deste curso.
xoves, 11 de xuño de 2026
sábado, 30 de maio de 2026
Pintamos o Drac do Parque Güell
O alumnado converteuse en auténticos artistas coa creación das súas versións do famoso Drac do Parque Güell, unha das obras máis coñecidas de Antoni Gaudí.
Despois de descubrir curiosidades sobre este emblemático dragón e sobre o estilo artístico de Gaudí, os nenos e nenas experimentaron con diferentes técnicas plásticas para dar vida ás súas creacións.
Empregaron pintura, combinacións de cores e técnicas inspiradas nos mosaicos característicos do artista, como os trencadís, conseguindo traballos moi creativos, coloridos e cheos de personalidade.
A actividade permitiulles coñecer mellor a arte modernista e experimentar coas posibilidades da expresión artística a través de diferentes materiais e formas de pintar.
O resultado final foi unha exposición de dracs únicos e orixinais que encheron as aulas de cor e imaxinación. Parabéns polo fantástico traballo realizado!
Murais inspirados nas obras de Gaudí
O alumnado de Primaria achegouse ao universo creativo de Antoni Gaudí a través da realización de murais inspirados nalgunhas das súas obras máis coñecidas, como o Capricho, a Sagrada Familia ou a Pedrera.
Primeiro descubrimos quen foi Gaudí e observamos as formas, as cores e os detalles tan característicos da súa arquitectura. Chamounos especialmente a atención o uso das liñas curvas, os mosaicos e a inspiración na natureza presentes nas súas creacións.
Despois, empregando témperas e moita creatividade, os nenos e nenas elaboraron grandes murais nos que reinterpretaron estas emblemáticas obras arquitectónicas.
Con esta actividade, o alumnado puido coñecer mellor a arte e a arquitectura modernista, ao tempo que desenvolveu a expresión artística, a observación e o traballo cooperativo.
Bocetos da Golden Gate Bridge
Seguimos descubrindo o fascinante mundo da arquitectura e dos grandes monumentos dos Estados Unidos coa realización de bocetos da famosa Golden Gate Bridge.
Inspirados pola nosa auxiliar de conversa americana, o alumnado observou e analizou as características desta coñecida ponte: a súa estrutura, as liñas, as torres...
Despois da fase de observación, chegou o momento de converterse en artistas e deseñadores. Os nenos e nenas realizaron diferentes bocetos nos que traballaron as proporcións, os detalles e a perspectiva para representar a ponte do xeito máis realista posible.
A actividade permitiulles desenvolver a capacidade de observación, a precisión no debuxo e a creatividade, ao mesmo tempo que coñecían un dos símbolos máis representativos de San Francisco.
O resultado foi unha colección de traballos moi coidados e cheos de talento.
Creamos o noso Empire State Building
O alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria participou nunha actividade moi creativa xunto coa nosa auxiliar de conversa, achegándose a un dos edificios máis famosos dos Estados Unidos: o Empire State Building.
Primeiro descubrimos curiosidades sobre este emblemático rañaceos de Nova York, a súa altura, a súa historia e a importancia que ten na cidade. Despois, os nenos e nenas puxeron en marcha toda a súa imaxinación para realizar debuxos e creacións inspiradas neste famoso edificio.
Con moita ilusión, empregaron caixas para crear o seu propio Empire State Building.
Ademais de aprender sobre arquitectura e cultura americana, esta actividade permitiulles practicar vocabulario en inglés e desenvolver a expresión artística dun xeito divertido e motivador.
Experimentamos coa capacidade en Matemáticas
O alumnado de 4º de Primaria tivo unha divertida sesión de Matemáticas dedicada á medición e comparación de capacidades.
Empregando diferentes botellas, recipientes e vasos medidores, os nenos e nenas realizaron actividades prácticas para descubrir como medir líquidos e comparar cantidades. A través da experimentación, foron comprobando que non sempre o recipiente máis alto é o que ten maior capacidade e aprenderon a utilizar diferentes unidades de medida de maneira máis precisa.
Ao longo da sesión, fixeron estimacións, realizaron trasvasamentos e compararon resultados, traballando de forma manipulativa conceptos matemáticos relacionados coa capacidade e o volume.
Esta actividade permitiulles aprender dunha maneira práctica e divertida, fomentando a observación, o razoamento e o traballo en equipo.












