Amosando publicacións coa etiqueta PIE benestar emocional. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PIE benestar emocional. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de outubro de 2026

Charlas coa Policía Local en 5º e 6º

 

 

    O mércores 14 de outubro, o alumnado de 5º e 6º participou nunha charla coa Policía Local sobre o pensamento útil, a toma de decisións  e a influencia do grupo.

    Aprenderon a importancia de pensar antes de actuar, tomar boas decisións e non deixarse levar sempre polo que fan os demais.

    Moitas grazas á Policía Local pola súa colaboración!

 

 


 

sábado, 10 de outubro de 2026

Obradoiros de educación sexual en primaria

 

 

    Os días 7, 8 e 9 de outubro, o alumnado de 1º a 6º de primaria participou nuns obradoiros de educación sexual adaptados ás diferentes idades.

    A través de xogos traballáronse aspectos relacionados co coñecemento e respecto do propio corpo, as emocións, a autoestima e as relacións saudables.

    Unha actividade moi importante para seguir medrando no respecto, na igualdade e no coidado dun mesmo e dos demais.

 


 

martes, 6 de outubro de 2026

CHARLA PARA AS FAMILIAS: “NORMAS E LÍMITES”

 

O pasado 5 de outubro celebrouse no noso centro educativo unha charla do programa “Máis que un teito”, promovido polo Plan Local sobre Drogodependencias e Outras Adiccións do Concello de Vigo.

Esta iniciativa ten como obxectivo destacar o importante papel da familia na educación e no desenvolvemento dos nenos e nenas, así como ofrecer ferramentas para mellorar a comunicación, establecer normas e límites e favorecer a prevención de condutas de risco.

Moitas grazas a todas as familias pola súa participación e interese!




mércores, 17 de xuño de 2026

O ALUMNADO DE 5º E 6º DE PRIMARIA ELABORA O SEU “DECÁLOGO DO BO INTERNAUTA”

 

Dentro das actividades do PIE (Benestar Emocional) desenvolvidas no noso centro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria participou nunha interesante proposta centrada no uso seguro, responsable e respectuoso de Internet.

Da man das súas titoras, os nenos e nenas traballaron na elaboración de diferentes carteis nos que recolleron un “Decálogo do Bo Internauta”, un conxunto de recomendacións e normas básicas para navegar pola Rede de forma segura. A través desta actividade, o alumnado reflexionou sobre os seus hábitos dixitais e plasmou as súas conclusións de maneira creativa e visual.

Ademais de reforzar os seus coñecementos sobre seguridade dixital, esta actividade permitiu ao alumnado potenciar habilidades como o traballo en equipo, a reflexión crítica e a comunicación visual.


                    
    
                           
                    
   
                    

                    

                     

                     

                     
                     
                     



Os carteis elaborados permanecerán expostos na aula STEM do colexio para que toda a comunidade educativa poida coñecer e recordar estas recomendacións, contribuíndo entre todos e todas á creación dun entorno dixital máis seguro.


luns, 18 de maio de 2026

PROGRAMA CONVIVINDO: “ELISA NO MUNDO DAS MARABILLAS”

 

Os nenos e nenas de educación infantil recibiron a semana pasada unha postal de VIVINDO previa a sesión do venres.





Nesta ocasión, Silvia leu un conto escrito e ilustrado polos integrantes do taller artístico de Apamp. Titúlase “Elisa no mundo das marabillas” e empregou  un comunicador co sistema GRID para que Vivindo contara partes do conto, marionetas e pulsadores con diálogos. Vivindo contou como coñeceu os creadores do conto.


                                          


  

Posteriormente, os nenos e nenas viron un vídeo na biblioteca sobre como ilustraron o conto as persoas con parálise cerebral. A continuación, pintaron un mural con diferentes partes do corpo e empregando diferentes útiles (por exemplo: un licornio).

 

       







                 A todos os nenos e nenas gustoulles moitísimo o resultado do mural!







martes, 12 de maio de 2026

Cando os soños non teñen etiquetas!


Hoxe o alumnado de 2° de primaria participou no obradoiro "Profesións sen etiquetas", unha actividade orientada a reflexionar sobre a igualdade de oportunidades e a eliminación de estereotipos de xénero no ámbito laboral.

A través de xogos e dinámicas participativas, os nenos e nenas descubriron que todas as persoas poden desempeñar calquera profesión, independentemente de se son homes ou mulleres. A actividade fomentou o respecto, a empatía e a liberdade para elixir o propio camiño sen prexuízos. 🐾🐾            



 




         



          

luns, 11 de maio de 2026

“NÓS PODEMOS, TI TAMÉN”

 

VIVINDO estivo o venres da semana pasada no noso cole. Lemos con Silvia o conto “MONSTRUO AZUL”.


No ximnasio había varias caixas de cartón cun material determinado (papel triturado, papel de pintor, follas de periódico...). Entre este material, había teas de diferentes tamaños distribuídos polas caixas, para que os nenos e a nenas as puxeran enriba como eles querían. Deste xeito, fomentamos unha procura sensorial do material e o desfrute de xogar cun material non estruturado.



Cada neno/a presentou a súa personaxe inspirada na súa fortaleza ou talento.



Despedímonos ata a próxima sesión con apertas e bailando todos xuntos!


venres, 8 de maio de 2026

A linguaxe que suma - 4º Educación Primaria

 

Esta semana, as nenas e os nenos de 4º estivemos reflexionando sobre a importancia da linguaxe que empregamos cada día. Descubrimos que as palabras teñen moita forza e que, dependendo do que digamos ou da maneira en que o expresamos, podemos facer sentir ben, animadas e valoradas ás persoas que temos arredor… ou, pola contra, podemos causar tristura ou malestar sen decatarnos.

A través de diferentes actividades, conversas e dinámicas en grupo, aprendemos a escoitar con atención, a falar con respecto e a pensar antes de actuar. Tamén comprendemos o importante que é poñernos no lugar dos demais e tratar aos compañeiros e compañeiras con amabilidade e empatía.

Entre todas e todos seguimos construíndo unha aula na que nos sentimos seguros, respectados e valorados. Porque cando colaboramos, nos apoiamos e nos axudamos uns aos outros, convertémonos nun gran equipo capaz de aprender e medrar xuntos.










mércores, 6 de maio de 2026

"Máis aló de princesas e superheroes: 2º de Primaria analiza o cine animado"

👨👩Hoxe o alumnado de 2º de primaria participou no obradoiro: "Desmontando estereotipos nas películas de animación", onde aprendeu a mirar as súas películas favoritas con espírito crítico. A partir de escenas coñecidas e dinámicas participativas, identificaron roles, mensaxes repetidas e propuxeron alternativas máis igualitarias e inclusivas. Unha experiencia que reforza valores como o respecto, a diversidade e a liberdade de ser un mesmo. 



 








martes, 28 de abril de 2026

Educación Vial

               O día 28 de abril visitounos a Policía.  Falamos dos perigos que podemos encontrar navegando por internet. Foi unha actividade moi educativa.

 


 

xoves, 5 de febreiro de 2026

“ConVIVINDO” NO CEIP PÁRRROCO DON CAMILO

 

“ConVIVINDO” NO CEIP PÁRRROCO DON CAMILO

 

O pasado venres visitounos no cole “VIVINDO”. Trátase dun obradoiro impartido por Apamp “Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade” que aborda contidos relacionados coa inclusión, a diversidade e a convivencia, encadrado dentro do Proxecto ConVIVINDO. 

O alumnado de educación infantil participou nas actividades propostas coa compaña de “Vivindo” e a música de María Fumaça.

Que ledicia, pintando e bailando todos xuntos!









venres, 19 de decembro de 2025

BADALADAS E BAILE

Chegou o último día de curso deste primeiro trimestre!

Unha xornada na que entregamos as nosas cartas cos nosos desexos e agasallos.

Unha visita moi especial e chea de maxia... Papá Noel chegado dende o Polo Norte cun agasallo moi chulo!


Un delicioso chocolate quente con galletas organizado pola nosa querida ANPA.



E, por último, quixemos pechar o 2025 festexando todos xuntos un pre-fin de ano moi divertido, coas tradicionais badaladas e festa rachada!






xoves, 18 de decembro de 2025

CALENDARIO DE ADVENTO "ANTIACOSO"

Durante os días de decembro, foron aparecendo na aula de 4º uns agasallos que configuraban un calendario de advento moi especial. Cada día traía consigo unha cita, unha pregunta ou unha pequena reflexión sobre a maneira de relacionarnos, a inclusión, o respecto, a solidaridade... 

Pensamos e debatimos cada un dos agasallos atopados, facendo desta clase un lugar seguro e cómodo para todos e todas. 



mércores, 3 de decembro de 2025

“TODOS E TODAS CONTAMOS” DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

 

 

Esta semana os monitores da Fundación Igualarte da man de Afundación impartiron diversos obradoiros ao noso alumnado buscando fomentar a diversidade como un valor social:

Contacontos “A familia”: dirixido ao alumnado de educación infantil. Unha vez escoitaron o conto creado pola Fundación Igualarte, realizaron a actividade “Creando a miña familia”. Por grupos, crearon un móbil colgante coas persoas que conforman unha familia.

As tarefas do fogar entre todos e todas: participaron os cursos de 1º a 4º de primaria. Consistiu nunha obra de teatro cargada de humor, pero cunha mensaxe moi seria: a igualdade de xénero.

Obradoiro de percusión: os monitores deron un pequeno concerto para despois realizar un taller de percusión corporal e con instrumentos de material reciclado.







Grazas aos monitores da Fundación Igualarte por promover a inclusión e mostrar a diversidade como unha fonte de enriquecemento persoal e social.

mércores, 26 de novembro de 2025

Saída ao teatro Afundación con 1º e 2º de primaria

Hoxe os alumnos de 1º e 2º de primaria puideron desfrutar do espectáculo de monicreques “A galiña azul” no teatro Afundación.  A obra inspirada no clásico conto do escritor galego Carlos Casares, fixo que os nenos e nenas fosen espectadores activos, interactuando e participando ao longo de toda a obra. Ademais de pasalo xenial, aprenderon e lembraron a importancia da conviencia, a aceptación  e o agarimo polo que é diferente de nós, é dicir, da diversidade do mundo que nos rodea.