xoves, 19 de abril de 2018

Día da poesía. Martín Códax

O pasado 21 de Marzo festexamos como cada ano o día da Poesía. Cada día gústanos ollar o mundo con ollos de poeta, pois como ben sabedes a poesía está en todo o que nos rodea, por iso para nós é tan especial a celebración deste día.

Este ano, co gallo do PDI cos ollos de Vigo coñecemos un chisco de poesías e poetas relevantes da nosa contorna coma Mendinho, Xohán de Cangas e especialmente o vigués Martín Códax. Sabemos de primeira man que algúns nenos e nenas xunto ás súas familias tiveron a sorte de coñecer en primeira persoa as cantigas de amigo contidas no Pergamiño Vindel que ata hai ben pouco estiveron expostas no Museo do Mar da nosa cidade.  
Pero a poesía está en todas as partes da nosa cidade, nas súas rúas, nas súas xentes, na historia da nosa cidade, na beleza da ría, nos seres vivos e nas paisaxes que nos arrodean... como ben podemos ler nun mural da nosa cidade, "SOMOS POESÍA". 
 Deste xeito, no colexio dedicamos toda a semana de marzo a traballar a linguaxe poética, a visitar o recuncho poético da biblioteca, a ler e escribir poesía nas aulas e mesmo escoitala e cantala. Os de segundo animáronse, como na época dos trobadores e xograres, a crear os seus propios pergamiños para plasmar algún anaco das cantigas de amigo de Martín Códax e mesmo se atreveron a inventar e crear as súas propias poesías. Canta fermosura!

Aquí tedes unha mostra en imaxes do que foi ese día. Agardamos que gocedes tanto coma nós!.


1 comentario: