domingo, 8 de xuño de 2014

Saída ao Paar, en Campo Lameiro.

O xoves 5 de xuño os alumnos de quinto e sexto fixemos unha saída ao longo do día a un Parque Arqueolóxico de Arte rupestre na  provincia de Pontevedra, concretamente na localidade de Campo Lameiro.
O parque ten un itinerario cunha lonxitude de máis de 3 km o que facilita que os visitantes poidan gozar durante unhas horas dunha extraordinaria paisaxe cultural chea de petroglifos onde contemplar os principais motivos e escenas que se plasmaron nos gravados rupestres galegos.
Tivemos unha boa oportunidade para aprender o significado dun petroglifo, como foron executados, identificar os motivos e escenas máis frecuentemente representados neles e mesmo coñecer a forma de vida dos seus creadores. Ademais os petroglifos galegos son un dos máis destacados conxuntos de arte rupestre ao aire libre do continente europeo.

Durante o percorrido, pódese ver tamén a recreación dun pequeno poboado de hai uns 4000 anos integrado por varias cabanas, estruturas de almacenamento e cercados para os animais construídos cos mesmos materiais que no pasado, coa intención de achegarnos á vida cotiá durante a Idade do Bronce.
Tivemos moitísima sorte co tempo que amenazou choiva durante todo o día. Nada máis meternos no autobús sobre as cinco da tarde comenzou a diluviar ata chegar a Vigo.
Pasámolo moi ben!

Ningún comentario:

Publicar un comentario