sábado, 21 de maio de 2016

2º A e 2ºB de Visita no Museo do Mar de Vigo

       O xoves 19 de maio os nenos e nenas de segundo visitamos o Museo do Mar de Vigo, actividade programada coma guinda final ao noso traballo de investigación do P.D.I. deste ano "Galiza de faro a faro". Deste xeito repasamos cousiñas traballadas na clase, coñecimos moitas outras, esclarecimos algunhas dúbidas e desfrutamos moitísimo das actividades.
       Nada máis chegar fixeron dous grupos, asi que nos separamos os de 2º A e 2º B con cadansúa monitora e mestra para ver por separado as actividades que nos tiñan preparadas. 
     Participamos no obradoiro "A casa dos vellos mariñeiros" onde  internámonos no mundo da cultura tradicional mariñeira de Galicia. Convertímonos en mariñeiros pescando nun mar azul de tea cheo de peixiños de papel da nosa ría. Pescamos e pescamos e transportamos os peixiños nas patelas. De tanto pescar non nos decatáramos que pouco a pouco foron desaparecendo case tódolos peixiños daquel fermoso mar....asi que reflexionamos e percatámonos de que deste xeito estinguiríanse os peixes do mar. Reflexionamos e chegamos a conclusión de que aínda que para remediar un pouco o asunto pódese criar en cautividade peixes dalgunhas especies coma os rodaballos 8que sabemos moi ben que hai unha piscifactoría moi preto do Faro de Cabo Vilán), o máis importante é facer pesca sostible, respetando os cupos e as tallas mínimas dos peixes.
        Logo faláronnos dalgunhas especies que por mor de tanta pesca quedaron en perigo de extinción coma as baleas, e aínda que xa na década dos oitenta prohibiuse a súa pesca e a pesar de pasar máis de trinta anos tardarán moitos, moitísimos anos en recuperarse as súas poboacións nos mares e océanos do mundo. Para vivir a situación puxémonos un sudeste ben amarelo na cabeza e xogamos a pescar con arpón dende una embarcación como facían daquela. Aínda que nós xa sabiamos moitas cousas de mamíferos mariños aprendimos que dependendo do que comen teñen dentes ou barbas e mesmo que a graxa de balea servía para iluminar as casas antiguamente, ainda que en Galiza empregábase a graxa da sardiña. Descubrimos que en Galiza a industria enlataba a carne de balea para comercializar con Xapón e vimos un arpón moi grande ao que lle metían explosivos o que volvía a caza de baleas moi cruenta. 
      Despois de tanta emoción e de camiño ao acuario vimos unha escultura dunha serea, varias embarcacións tradicionais, motores antigos a vapor "coma o do Serpent" e tamén a gasoil coma o do Prestige, o esqueleto dunha femia de cachalote, a maqueta do Beagle co que Darwin deu a volta ao mundo, o faro do Museo, etc. Xa no acuario, coñecimos a pequena escala, os tres ecosistemas que van dende o Museo ata a costa das Illas Cies: o da costa, o da ría e a dos fondos das illas. Vimos peixes planos como o rodaballo, o linguado ou as raias, dúas especies de quenllas: a pintarroxa e a musola estrelada ou cazón branco, peixes velenosos coma o cabracho e moitos outros coma sargos, pintos, maragotas, rodaballos, cabrillas, xurelos, peixes rocha, centolos, langostas, etc. A nosa monitora mesmo solucionounos algunas dúbidas e descubrimos que o ovo que tiñamos os de 2º A na aula é dunha raia e vimos que hai algún alí no acuario pero noutras etapas de desenvolvemento.
    A visita programada chegara ao seu fin, pero os nenos e nenas de 2º A non puidemos marcharnos sen pararnos a contemplar unha pequena parte do castro "esquecido" Castro da Punta do Muiño do Vento, antes de achegarnos á exposición "Faros, Sinais e Desastres Marítimos" onde fixemos un repaso pola historia dalgúns faros en Galicia, vimos a obra "O paso" do escultor Francisco Leiro coma homenaxe á Marea Branca que tanto axudou no desastre do Prestige e que tanto nos impactou cando traballamos o faro de Cabo Vilán, vimos un Trofeo Teresa Herrera coa forma da Torre de Hércules, mecanismos de iluminación de faros e mesmo un aparello óptico para medir distancias chamado "telémetro".
    As nosas mestras prometérannos un picnic na praia, pero como estaba toda a area mollada o fixemos alí mesmo no xardín de entrada do museo.
      E por fin aqui tendes as imaxes do que foi ese día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario