O noso bosque animado saiu a desfilar neste venres chuvioso polo noso patio cuberto na compaña do Meco Cortizón Churruscón.
Tódalas aulas amosaron o traballo de tantos días e participaron na representación da nosa fraga de Comeseñe. Caracois, árbores floridas, postes de teléfonos, fadas, árbores, bolboretas, moscas, cogomelos, trasnos e a mesma Santa Compaña con Fiz de Cotobade e Fendetestas acompañáronnos ó interior da fraga coas súas coreografías. Os maiores de 6º foron os encargados de presentar a todos e animar un berro unánime na fraga... que o home non te vexa!. Un xeito de expresar que temos que protexe-los nosos bosques e libralos das ameazas que moitas veces veñen canda a acción humana. Desta volta a nosa mensaxe veu da man de Wenceslao Fernández Flores e da troula que durante tantos días argallamos. De seguido, como é tradicional, os nenos e nenas de 5º e 6º leron as coplas e mailo testamento do Meco. Xa quedaba só compartir lerias e bailes coas familias.
Rematada a festa de entroido deixámosvos este vídeo para que vexades un pouquiño como transcorreu o día. Non quedou tan lucido coma cando desfilamos no exterior, pero pasámolo moi ben. Agardamos que os que nos acompañastes tamén gozárades moito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario