mércores, 9 de xuño de 2021

CIENCIA EN MOVEMENTO 4º

 Un día máis a ciencia entrou na nosa aula, esta vez da man de científicos da Universidade de Vigo cos que fixemos un obradoiro de experimentos con auga. O primeiro deles mesturou auga, lume e un globo... e así observamos como a auga absorbe a calor! Para o seguinte necesitamos filtros de café, auga e tinta negra. Foi incrible poder ver como se separaban as cores do negro pola acción da auga arrastrando as diferentes partículas (cromatografía). A continuación comprobamos como a pel, o metal e a auga son condutores da electricidade, e tamén entendimos que os materiais que teñen o mesmo índice de refracción poden enganar aos nosos ollos, parece maxia... non si? Comprobamos tamén como pode cambiar a densidade da auga se botamos sal nela, e ata chegamos a entender como funciona un submarino aplicando o principio de Arquímedes, si si, Arquímedes, ese home extraordinario que xa coñecemos hai algún tempo... En fin, sempre é un pracer recibir visitas que nos axuden a entender un pouquiño mellor como funciona este marabilloso mundo no que vivimos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario