venres, 20 de febreiro de 2015

SAÍDA AO MUSEO OLIMPIO LISTE

Ao voltar ao colexio tralo Entroido, tiñamos ganas de máis mascarada así que os nenos e nenas de 1º A e 2º fomos coñecer os personaxes máis antigos do noso Entroido galego ao fabuloso Museo Olimpio Liste da nosa cidade. Unha vez alí dividímonos en dous grupos para ir cadaquén coa súa monitora. No obradoiro puidemos coñecer os personaxes que cada ano saen ás rúas nestas datas no Entroido: os cigarróns, os peliqueiros, os felos, a morena, as pantallas, os boteiros, o vergalleiro, o oso, os xenerais, os galáns e madamas, os merdeiros, os volantes, o Irrio e mesmo o troteiro. Algúns coñeciámolos  pero de seguro que non sabiamos de tantos personaxes interesantes na nosa xeografía. Menos mal que a monitora deunos trucos para poder diferencialos e poñer en práctica a nosa habilidade para recoñecelos cun xogo nun mapa. Tamén quedamos marabillados coa visita á exposición permanente. Aprendimos moitas cousas sobre a forma de vida, os oficios, as ferramentas de traballo e os costumes que había en Galicia hai tan só cen anos. Son moitas as salas con obxectos daqueles tempos: sala dos tecidos, sala dos oficios e mesmo descubrimos unha sala adicada á luz.... Unha fermosa sorpresa coñecer este magnífico museo da nosa cidade. Así que non dubidedes en achegarvos canto antes ata alí e desfrutar doutros tempos en familia.


3 comentarios:

  1. Un museo pouco coñecido con tantas marabillas que amosar! Claro que imos a ir todos en familia a descubrilo!

    ResponderEliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  3. Pois siii, nos tamén teremos que ir:-). Foi una visita que lles encantou e lles despertou moita curiosidade polos personaxes do entroido. Gracias por compartila experiencia!

    ResponderEliminar