sábado, 12 de febreiro de 2011

" CAMIÑO DA LINGUA"

O venres 4 de febreiro, os rapaces e rapazas de 2º, 3º e 4º de primaria
participaron nun  xogo chamado "Camiño da Lingua" que semellaba un gran
xogo da oca, pero esta vez con buxaina.
O monitor que o dirixía xa o coñeciamos do curso pasado, chámase Edgar e
 ten moita chispa cos nen@s. Viña cunha compañeira que axudaba a mover
as fichas polo taboleiro e facer as diferentes probas.
Houbo de todo, dende probas lingüísticas, culturais e xogos moi
divertidos.
Nun principio Edgar fixo dous grupos onde mesturábanse os tres cursos. O
 mellor foi cando tiveron que xogarse o turno cun trabalinguas
dificilísimo. Tamén houbo probas de coordinación motora, que si dereita,
 esquerda, enriba, debaixo... Que risa!. A elección da buxaina como
protagonista do xogo foi porque responde á idea de movemento e dinamismo
 que ten a nosa lingua.
O xogo, pareceunos moi interesante ás mestras que o presenciamos, porque
 pensamos que axuda a traballar en grupo e
ademais fixo que días antes de facer o xogo estivésemos nas aulas de
primaria repasando lugares emblemáticos e monumentos importantes da nosa
 cidade. Faltounos un pouco de tempo para rematar o último exercicio do
taller onde os nenos e nenas tiveron que escribir a palabra LINGUA de
diferentes maneiras (braille, naútica, chinese, árabe....).
O proxecto xurde do Servicio de Normalización Lingüística de Vigo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario