Pasiño a pasiño imos construindo no cole pequenas aprendizaxes. A lingua, a nosa lingua, é unha destas aprendizaxes na que o esforzo ten que multiplicarse. A lingua é algo de noso, a materna e maila adquirida; tanto ten cal sexa o caso. As nosas dúas linguas forman parte do noso medre e ningunha pode quedar atrás. Pero este traballo apenas comezado dende a escola, ten que ir máis aló. E non se trata só de falalas, que tamén é moi importante, senón en gran medida dos afectos, do amor polas nosas linguas.
Hoxe, 17 de maio, celebramos a festa homenaxe á nosa lingua galega. Homenaxe ás persoas que loitaron no seu tempo por ela e que nos deixaron os seus libros e a pegada do seu traballo e a súa adicación. Francisco Fernández del Riego loitou para que o galego non se perdese e afondou en tódolos eidos da cultura popular para que non esquezamos o xérmolo lingüístico que os nosos antergos sementaron e cultivaron.
Agora é a nosa quenda de seguir sementanto nos nosos cativos este amor pola lingua e coidando o seu medre e a súa aprendizaxe. A diversidade tamén cabe aquí. Ter dúas linguas é unha riqueza que temos na nosa man. Se as perdemos, perderemos tamén unha parte de nós.
No cole traballamos estes días coñecendo a figura de Don Paco e achegándonos ó noso patrimonio, ó que lle deu tanto valor. No traballo cotiá haberemos de mante-la nosa fala viva, usándoa e aprendéndoa ben. Non é cousa só dun día e máis é traballo de todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario