xoves, 17 de maio de 2018

LETRAS GALEGAS 2018

Un ano máis chega o mes de maio cargado de lecturas dedicadas a un personaxe das nosas letras.
O 17 de maio non pode limitarse a ser un día no calendario; o seu espírito e a loita por manter viva a nosa lingua e cultura ten que ir moito máis aló desta data.
Desta volta, temos a sorte de que a escollida para a celebración do galego sexa unha muller, neste curso e neste intre social no que a muller está tan presente. E ademais a sorte, tamén, de que os seus libros estean moi preto das nosas inquedanzas.
María Victoria Moreno é galega de adopción, pero GALEGA con maiúsculas. Fixo súa a nosa lingua e foi quen de falar e escribir nela coma se nunca tivese outra lingua máis cá nosa. A súa dedicación ó público infantil e xuvenil fai que sexa para nós moito máis próxima que outros homenaxeados nesta celebración tan senlleira; e que desfrutemos aínda máis do traballo programado para estas datas.

Foron moitos os nenos e nenas que nas súas aulas se achegaron estes días ós seus contos e quixeron afondar un pouquiño máis nas súas andanzas.
Alma, a mascota de María Victoria, axudounos a percorrer a exposición montada na entrada que nos achegou cada detalle da súa vida e obra. Foi dificil atopar un recunchiño no noso cole nas paredes ateigadas a estas alturas de curso con tódolos materiais feitos nos nosos proxectos. Alma foi deixando as súas pisadas e guiounos polo labirinto de carteis.
As aulas enchéronse coas súas lecturas nesta semana. Os recreos e as horas de ler coas maletas de "Colle o libro e corre", nas que viaxaban algúns dos seus contos mais sinalados. Lectura oral e silenciosa, traballos sobre as personaxes protagonistas, -moitas delas animais-, murais temáticos... e uns estupendos marcapáxinas para ter a súa lembranza sempre presente cando enchamos o noso lecer cos seus ou con outros libros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario