mércores, 8 de xuño de 2016

Visita de Fina Casalderrey en 1º e 2º

Hoxe os nenos do Párroco don Camilo tivemos a gran sorte de recibir a visita dunha das máis queridas, lidas e reeditadas escritoras galegas: a recoñecedísima escritora Fina Casalderrey. Moitos xa saberedes que conta con múltiples premios entre os que destacan: o Premio Merlín de Literatura Infantil 1991 por Dúas bágoas por Máquina, o Premio Edebé de Literatura Infantil 1995 por O estanque dos parrulos pobres, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996 e o Barco de Vapor por O misterio dos fillos de Lúa, o Premio Cidade de Pontevedra 1996 pola totalidade da súa obra, as súas candidaturas ao Astrid Linberg ou o Premio Frei Martín Sarmiento 2014 por O neno can libro incluido na lista Outstanding Books for young people with disabilities 2013. Dende novembro de 2013 forma parte da Real Academia Galega. Con semellante "mochila literaria", non podíamos polo menos afondar un pouco e coñecer un pouco máis a súa vida e obra, así que os nenos de 1º e 2º puxémonos mans á obra semanas antes da súa visita traballando sobre o libro Quen me quere adoptar? e facendo diversos traballiños sobre esta obra nas aulas. Xa por fin na biblioteca, escoitamos con moito interese anécdotas e diversos aspectos relacionados coas súas vivenzas que inspiran e influen na súa obra. Fina adicounos cariñosamente palabras preciosas e axudounos a soñar por un momento que tamén podemos ser escritores, aprendendo a dicir cousas bonitas e expresándonos de "xeito literario". Logo puidemos conversar con ela e é que tiñamos moitas cousas que preguntarlle e que ela agarimosamente respondeu como somentes saben facer os escritores: engaiolándonos coas súas máxicas palabras. Todo un luxo para os nosos ouvidos!. Por último, e como o tempo corría, asinounos os nosos exemplares do libro. Un millón de grazas Fina por vir o noso colexio, de seguro que non o esqueceremos!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario