Amosando publicacións coa etiqueta Visita de autor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Visita de autor. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de abril de 2026

Maxia e castañas con Lucía Mojón

Hoxe tivemos o pracer de recibir no noso colexio á escritora Lucía Mojón, quen compartiu cos alumnos de 1º e 2º de primaria unha mañá máxica chea de contos e imaxinación. ✨️🍂

Lucía presentoulles o seu conto "Biscoito de castañas" e explicoulles como xurdiu a idea para crealo. Os nenos descubriron fascinados que o libro esconde un xogo secreto que fai a lectura aínda máis divertida. A sesión estivo chea de momentos especiais: cantaron xuntos a canción do conto, deixaron voar a súa imaxinación debuxando seres monstruosos que poderían formar parte da historia, e para terminar, Lucía dedicou persoalmente o conto aos nosos pequenos lectores.

Unha experiencia inesquecible que sen dúbida espertou nos nosos alumnos o amor pola lectura e a creatividade.



xoves, 24 de abril de 2025

VISITA DE MARÍA CANOSA

Formando parte das actividades da semana do libro na nosa escola hoxe os alumnos de 3º e 4º recibimos a visita da escritora María Canosa, autora de “Escola de bruxas”, historia que limos nas nosas clases durante estas últimas semanas e coa que gozamos e aprendimos dun xeito moi especial. 

María falounos das súas motivacións para escribir esta historia, así como dos valores que ela quería transmitir coa súa lectura: o valor da amizade, do esforzo, da familia… Toda unha lección de vida que nós agradecemos moitísimo e que nos anima a seguir lendo para encher as nosas vidas de aventuras e soños.

Mil grazas a todas as persoas que escriben e espertan a nosa imaxinación para transportarnos a mundos descoñecidos e enriquecer así as nosas vidas. Grazas María!





xoves, 30 de maio de 2024

CONTACONTOS E VISITA DE AUTOR NO PRIMEIRO CICLO

David Rodríguez, autor e ilustrador do libro “Superavoa”, visitou o noso centro para contarnos a 1º e 2º curso de primaria, os grandes poderes de Rita, unha superheroína, que ben podería ser a avoa de calquera de nós.

Con este conto cheo de tenrura e de humor, o autor quixo homenaxear a todas as nosas avoas, contando os poderes que acostuman a ter todas elas: adiviñar o frío que vai na rúa, curar dores de barriga coa súa man máxica…

O noso alumnado tamén quixo compartir historias propias de cadansúa avoa, polo que resultou ser un contacontos moi emotivo.

Para rematar, e coa guitarra nas mans, o autor ensinounos unha canción, que coreamos con forza no retrouso.










martes, 21 de maio de 2024

VISITA DE AUTOR PARA 3º E 4º

 Este martes, día 21 de maio, visitounos na biblioteca do cole o escritor Eduardo Santiago, autor da obra "A miña amiga invisible". Contounos algunhas cousiñas sobre o proceso de creación do libro, así como de todo aquilo que o inspirou para comezar a escribilo...

A verdade é que gozamos moito coa súa lectura, e aprendemos algúns dos mecanismos que existen para enfrontar as dificultades que as veces nos presenta esta fermosa aventura chamada vida.

Ler fainos mellores!



domingo, 30 de abril de 2023

VISITA DE SABELA FERNÁNDEZ

 O pasado 21 de abril achegouse á nosa biblioteca SAbela Fernández autora do libro ladrón de soños,  escollido este curso para a lectura na aula dos nenos de 1º e 2º de primaria. Gozaron un mundo coas súas historias e aproveitaron coma sempre a levar asinados por ela os exemplares do seu libro.



luns, 24 de abril de 2023

VISITA DE XABIER DOMÍNGUEZ

 MAXIA DE PEDRA

Por fin, por fin, por fin...Por fin chegou o día e con el a visita de Xavier Domínguez, un dos autores do libro "Maxia de Pedra".  Contounos moitas cousas sobre o proceso de elaboración e edición dun libro.  Foi moi interesante descubrir como se escribe un libro entre dúas persoas porque Maxia de Pedra está escrito a catro mans.

E o máis importante:  "Maxia de pedra" ten continuación.  Estamos agardando con ilusión a publicación da segunda parte!!


xoves, 13 de abril de 2023

VISITA DA ESCRITORA MARÍA CANOSA

Hoxe xoves, día 13 de abril, as nenas e nenos de 3º e 4º do cole tivemos a sorte de coñecer a María Canosa, escritora do libro "A cazadora de estrelas" que lemos xuntos nas nosas aulas. Falounos moito do seu apaixoante traballo: a súa inspiración para cada libro, a necesidade de compartir as súas historias, e mesmo do poder da lectura para facernos persoas máis felices e libres... 

Deixámosvos un pequeno vídeo do encontro.


mércores, 11 de maio de 2022

VISITA DE ÉRICA ESMORÍS

Patio de luces, este é o título do último libro que limos xuntos na escola. A súa autora, Érica Esmorís, visitounos o martes día 10 de maio para compartir con nós a historia que se agocha detrás desta marabillosa historia. Un confinamento, vellos recordos da nenez, un edificio de veciños, un porteiro entrañábel... E para nós, os nenos e nenas de 3º e 4º, un pracer escoitala e aprender... Mil grazas.

 

xoves, 17 de marzo de 2022

VISITA DA AUTORA ANDREA MACEIRAS

 Despois da lectura nas aulas de 5º e 6º do libro  A folla azul de Andrea Maceiras, a autora visitounos como estaba previsto e puidemos intercambiar con ela información e emocións sobre esta lectura.



luns, 13 de maio de 2019

VISITA DE ÁNXELA LOUREIRO


Ao longo deste trimestre os nenos e nenas de 3º e 4º limos un libro que nos divertiu e acercou moito ao mundo duns animais cuns costumes moi especiais: as ras. Gozamos moito con RaMona, RaFina e tamén con Milfaces, Napias... Pero o mellor foi cando a escritora desta historia, Ánxela Loureiro, visitou o noso cole para falarmos da incrible aventura que é converterse en escritora e imaxinar aventuras tan especiais como as que nos acompañaron ao longo desta marabillosa lectura...

mércores, 30 de maio de 2018

VISITA DE PAULA CARBALLEIRA


O luns, día 28, os nenos e nenas de 3º e 4º tivemos a sorte de compartir a nosa xornada coa escritora Paula Carballeira. Chegou á escola a media mañá e esperounos na biblioteca cun gran sorriso e unha morea de cousas que contar... Falounos da súa nenez, dos primeiros contos inventados para os seus irmáns pequenos, da casa da súa avoa que, por certo, era moi semellante á de “Bruxa e familia”, o fermoso libro escrito por ela que limos e traballamos nas clases. O encontro fíxose curto pero foi un pracer ter compartido con ela esa xornada.



xoves, 19 de abril de 2018

Visita de autor: María Canosa contounos en 1º e 2º "O día que choveu do revés"

A finais de marzo, anticipándonos un pouco ao día do libro, foi María Canosa a escritora que visitou aos nenos e nenas de 1º e 2º de primaria para contar a súa obra "O día que choveu do revés".
Aínda que o libro o traballamos os días previos nas aulas, encantounos esta historia na que as nubes decidiron chover os sete choveres, coa intención de que as os campos de millo e as verzas medrasen vizosas, sen pensar que poderían asolagar a vila de Portoseco.
Pero sen dúbida o que máis nos gustou foron as ideas tan imaxinativas que tiveron as nubes para solucionar o asunto e as moitas outras que xurdiron nas aulas. Estes cativos apuntan maneiras de escritores e ilustradores, coa súa imaxinación propoñen moi boas solucións ante os problemas. Así que xa sabedes: non vos esquezades de escoitalos a diario!.
Así foi, unha gran sorte coñecer en persoa a unha escritora coma María Canosa que ademáis de contarnos o conto, respondeu as nosas curiosas preguntas e deixou a súa pegada nos nosos libros con debuxos, fermosas palabras e a súa sinatura. Grazas María!
 

venres, 6 de abril de 2018

VISITOUNOS LEDICIA COSTAS!!!!!



      Poderiamos dicir que os libros de Ledicia son un gran tapiz de bordado con moitos fíos:  o fío dos recordos, o fío das vivencias, o fío da imaxinación, o fío da complicidade, do agarimos, dos soños,...

      E nós quedamos enredados no seu novelo, abraiados coas súas anécdotas e imaxinando como chegou Ledicia a escribir un libro tan fascinante como "A señorita Bubble".

       E é que no Párroco don Camilo somos verdadeiros admiradores da súa literatura e non podemos esquecer "Escarlatina", "Esmeraldina" e tantos outros que nos fan ter ese gusto pola lectura tan necesario.

       Os teus libros son un alimento enriquecedor.  Grazas por ensinarnos os fíos do teu novelo.




domingo, 26 de abril de 2015

LEOCADIO, O LEÓN

Estes días andabamos moi atarefados lendo nas nosas aulas un libro titulado “Leocadio, o león”. A verdade é que estaba moi interesante xa que, pouquiño a pouco, fomos colléndolle cariño a ese leonciño que ía trazando a súa historia tan preto de nós. Despois de rematalo e, coincidindo co Día do Libro, recibimos un agasallo na biblioteca da escola que nos encheu de ilusión e emoción. Alí estaba Oli, o escritor do conto ao que lle adicamos tantos momentos na clase, compartindo connosco a súa traxectoria como escritor. Falounos de Leocadio e doutros moitos libros que tiña escritos, pero o máis emocionante foi cando nos ensinou o borrador da súa próxima historia que pronto estará nas librarías. Tamén nos relatou contos marabillosos e amosounos moitos tesouros que traía agochados no seu maletín. Para rematar asinounos os nosos exemplares e mesmo o da biblioteca do cole. Un pracer ter compartido con el este tempo.