martes, 26 de marzo de 2024

PLANTAMOS ÁRBORES NOS MONTES DE COMESAÑA

 Neste mes de marzo tivemos a sorte de ir ata os montes de Comesaña a participar na reforestación. Primeiro os de 2º, 3º e 4º e ,despois coincidindo co Día da árbore, infantil e 1º de primaria. No caso dos peques plantaron no monte os castiñeiros que sementaran no outono e que estiveron coidando ata a súa viaxe ao bosque. Aínda non temos tódalas fotos desta actividade de infantil e 1º de primaria, así que volo contaremos todo mellor á volta das vacacións. Deixámosvos coas imaxes tomadas polas profes e a comunidade de montes de Comesaña desta gran experiencia. Aprendemos a recoñecer as árbores autóctonas, aprendemos o proceso de plantación e a importancia das árbores para o ecosistema e por riba de todo gozamos da natureza e da beleza do bosque.

martes, 19 de marzo de 2024

3º e 4º no concerto VOCASÓNS


Este luns, 18 de febreiro, o alumnado de 3º e 4º de Primaria desprazámonos ata o Auditorio do Concello de Vigo para asistir ao concertoVOCASÓNS da Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD).

Gozamos dun concerto dos mestres e mestras da ETRAD. Algúns dos instrumentos que puidemos ver e escoitar son: a arpa céltica, o acordeón, a gaita, varios instrumentos de percusión tradicional, o violín folk e a zanfona. Sen esquecer as grandes voces do canto popular. 

Neste ratiño achegámonos e sentimos os ritmos, xéneros e melodías da nosa cultura musical. Tamén descubrimos que as palabras son protagonistas en todas as músicas do mundo. As palabras dan nome aos ritmos cos que bailamos, tocamos e cantamos. E, ademais, teñen unha historia que nos contar.

Foi unha bonita forma de comezar a semana, cantando e acompañando coas nosas palmas! 👏👏



xoves, 7 de marzo de 2024

1º e 2º en Alcampo - Coia

O alumnado de 1º e 2º fixo a súa primeira visita a Alcampo, situado en Coia, para coñecer 
o funcionamento deste hipermercado. Recorrimos os diferentes corredores, poñendo 
máis atención nas froitas e verduras, así coma na peixería, para coñecer productos non tan 
comúns nas nosas casas, así como as peculiaridades de determinado peixes e mariscos. 
Unha vez colocados os delantais e cubrebocas accedimos á parte destinada aos traballadores, 
no que se preparan os productos para a súa venda ao público. Compartimos momentos cos 
panadeiros, que estaban afanados entre tanta fariña, así como coa sección de carnicería, na 
que vimos como traballaba o carniceiro e os seus axudantes, e o empaquetado e etiquetado
posterior. Agasalláronnos cunha pequena merendola que desfrutamos, antes de marchar, 
moi contentos por esta nova experiencia. 

 

sábado, 2 de marzo de 2024

Exposición COMEDY WILDLIFE

 O alumnado do 1º ciclo visitou unha exposición fotográfica situada no Teatro Afundación de Vigo, que resultou ser moi divertida, e máis aínda, entrañable. Contemplaron fotografías feitas a un variado grupo de animais, coma mapaches, tartarugas, pingüíns..., de tódolos continentes.

As imaxes, tomadas a través de cámaras trampa, captaron situacións cómicas e graciosas, que fixeron aos nosos nenos asombrarse, rir e incluso bailar!

Remataron a visita cun pequeno obradoiro no que fixeron un xabón, con forma animal, que levaron encantados, sabendo que é moito mellor utilizar este formato que non o líquido, polo envase plástico.

Entenderon así, a importancia de coidar os nosos ecosistemas, xa que temos que compartir espazo con outros seres vivos.

mércores, 28 de febreiro de 2024

UN XARDÍN PARA ROSALÍA

 As árbores, as flores, o campo e maila herba florida son elementos que se repiten nos versos de Rosalía, facéndonos chegar a través da descrición da nosa paisaxe as súas emocións. Nós dentro do Pdi deste curso queremos ver que árbores e flores compartimos con ela e os seus poemas. Ademais de organizar un xogo no patio -que faremos en canto pare a chuvia- para coñecer a flora que temos en común, quixemos ampliar as nosas especies incorporando os amarelles ou narcisos trompeteiros que desfilan nos seus versos e, un ano máis, os pensamentos, unha das súas flores preferidas. Onte e hoxe foi a quenda de infantil; mañá serán os de primaria os xardineiros. Escoitamos, mentres, a Rosalía no seu libro En las orillas del Sar

                                      Ya no brota la hierba, ni florece el narciso

                                      ni en el aire esparcen su fragancia los lirios. 

                                     Mas no importa, a lo lejos, otro arroyo murmura

                                     donde humildes violetas el espacio perfuman.


HUGO

Este mércores, 28 de febreiro de 2024, o alumnado de 3º e 4º de Primaria fixemos unha saída ao teatro Afundación de Vigo para ver a obra “Hugo”. Unha marabillosa historia que nos fala  dun neno diferente, do seu mundo e o seu pensamento... Avións, música, amizade...

Unha obra chea de sensibilidade e empatía, que fala da diversidade e da convivencia; toda unha lección para reflexionar sobre a beleza de sermos diferentes.


luns, 26 de febreiro de 2024

DÍA DE ROSALÍA EN 4º DE PRIMARIA

 Os nenos e nenas de 4º de primaria pasaron a mañá escribindo os seus poemas e decorando as tarxetas, pero tamén se atreveron cuns orixinais amarelles de papel. Creativos e preciosos!








sábado, 24 de febreiro de 2024

23 de febreiro. DÍA DE ROSALÍA

 187? Iso sí que é cumprir anos! Celebramos o Día de Rosalía nas aulas facendo unha homenaxe a súa figura. Temos as maletas cargadiñas de poemas, actividades e recursos para celebrar durante un mes o seu xeito de mesturar as palabras e darlle protagonismo á nosa lingua. 

Hoxe comezamos o traballo sobre a súa figura lembrando como era, a súa faciana, os libros que escribiu, algúns dos seus poemas sobre Galicia e a súa paisaxe, as flores que lle gustaban...  O amarelle e mailas rosas son dúas delas e foron protagonistas das actividades en infantil e primaria.  Recitados e poemas musicados encheron as aulas dende primeira hora da mañá.

 Os nenos e nenas de infantil compuxeron un mural debuxando á nosa Rosalía e facendo rosas de papel para ela. Tamén canda tódolos nenos e nenas de primaria decoraron unha tarxeta de aniversario para felicitala no seu día. Aquí foi o amarelle ou narciso trompeteiro quen foi protagonista, acompañando  uns versos que ela, namorada da nosa paisaxe e xeito de ser, adicoulle á nosa terra.

                                                   LUGAR MÁIS FERMOSO 

                                                   NO MUNDO NON ACHARA

                                                   QUE AQUEL DE GALICIA

                                                  GALICIA ENCANTADA!

                                                  GALICIA FRORIDA

                                                  COMA ELA NINGUNHA

                                                  DE FRORES CUBERTA

                                                  CUBERTA DE ESCUMA.


Os maiores escribiron na tarxeta outros dos moitos poemas da autora. Aquí deixámosvos debuxos e fotos dalgunhas aulas este venres.
















mércores, 21 de febreiro de 2024

POP ART IN ENGLISH

Os nenos e nenas de 6º traballaron as emocións con Pop Art na clase de Arts.